Deste xeito, o proxecto Desafío Domingo Fontán acadou o primeiro premio, seguido de Niiru na segunda posición e Rondar na terceira. Os galardóns foron entregados polo presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo González, polo presidente do Clúster TIC Galicia, Antonio Rodríguez e polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, xunto ao delegado da Zona Franca, David Regades e á presidenta da Deputación de Pontevedra.
O primeiro premio, no que participaron 28 persoas que duplicaron a previsión feita, foi para unha aplicación desenvolvida por Celso Gómez Corbal, Luis Eduardo Castro Rodríguez e Jarold Meléndez Lugo que presenta desafíos relacionados cos recursos turísticos, de tal modo que hai que ir visitando recursos e a medida que se cumpran todos os retos do desafío as persoas usuarias reciben premios. Trátase tamén dunha ferramenta dinamizada socialmente, de tal xeito que a través dela é posible desafiar a outras persoas usuarias no marco dos diferentes retos temáticos que propón.
A segunda distinción recaeu no proxecto Niiru no que participaron Óscar Casal Rodríguez, Alejandro Martínez, Carlos Rodríguez López e José Gadea Santos. Este recurso -“máis que unha aplicación“- basease no ‘Big Data’ para recompilar todos os intereses que xorden á hora de planificar unha viaxe e propoñer rutas acordes a eses intereses. Niiru tamén presenta a posibilidade de incluír, nun futuro, a gamificación para axudar nos tempos das rutas.
Finalmente, o terceiro galardón foi para Rondar cunha proposta deseñada por Beatriz Gil, Daniel Rodríguez, María Rodriguez e Elena Jiménez. A novidade desta iniciativa é que está centrada nun público específico de persoas maiores de 55 anos, “os senior-millennials”, co obxectivo de incluílas nunha proposta de turismo intelixente centrada na planificación de rutas e de propostas gastronómicas.
Carmela Silva felicitou “por suposto aos gañadores, pero tamén ao resto dos 28 proxectos que competiron neste primeiro Hackathon e que veñen a demostrar o enorme talento que hai nesta provincia”. “Amosouse que a nosa xente está sobrada de intelixencia e o conxunto da sociedade, sobre todo as administracións, temos que estar moi atentas para que esas ideas se convertan en realidades”, engadiu.