Unha das estrelas das súas actividades é o robot R2D2, que nos últimos dous anos percorreu escolas, institutos, hospitais e feiras tecnolóxicas por toda Galicia. A finalidade é dar a coñecer a experiencia de Eduardo e amosar como os materias de refugallo poden ter unha segunda vida.
Para explicar o proceso de construción deste droide, o vindeiro martes 23 de xaneiro, pai e fillo impartirán un relatorio titulado ‘Construye tu propio R2D2’. Robótica y educación para el presente’ na Escola de Enxeñería Industrial do campus de Lagoas-Marcosende, tal e como publica o Diario da Universidade de Vigo.
A conferencia, organizada polo profesor do Departamento de Enxeñaría de Sistemas e Automática José Ignacio Armesto, terá lugar ás 16.00 horas na aula 15 e forma parte das actividades paralelas ás JAI 2018, Xornadas sobre Tecnoloxías e Solucións para a Automatización Industrial.
De feito, o robot regresará ao campus en marzo para participar no ‘showroom’ de industria 4.0 que abrirá este simposio.
Un robot feito con paus de escola, leds e un motor de aspiradora
Como destaca Santos Baldomir, que preside a asociación Echo Base 28th Elite Forces, a conferencia está dirixida a calquera persoa interesada na tecnoloxía e na reciclaxe ou simplemente que sexa seguidora dos filmes.
“A construción de R2D2 é algo que esperta moito interese, pois leva consigo a cultura Star Wars”, afirma. Ademais, considera que tamén pode motivar o público asistente a concienciar da importancia da reciclaxe, amosando os resultados que se poden conseguir só empregando RAEE, Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos.
“O droide está feito nun 98% con material reciclado, o que axuda a concienciar sobre a reutilización do lixo electrónico”, destaca Santos Baldomir, e na súa construción empregáronse paus de vasoira, unha roda dun carro de supermercado, parte dun farol circular, ademais de pezas impresas en 3D, 150 leds e un motor de aspiradora para que o pequeno droide se poida mover e iluminarse, sempre teledirixido da man de Santos Pérez mediante unha app que vai conectada ao cerebro de R2D2, feito a partir dunha placa base de arduino.
Para describir todo o proceso de construción do droide, pai e fillo levarán ao relatorio a súa propia réplica de R2D2, indicando os pasos a seguir e enumerando os diferentes materiais que se deben empregar.
Ademais, tamén falarán de cuestións relacionadas coa reciclaxe electrónica ou a impresión en 3D, que para Santos Baldomir se inclúe na cultura do self-made ou fágao vostede mesmo da que participa a asociación que preside.
Unha afección transmitida de pai a fillo
Como afirma Santos Baldomir, a idea de construír o droide xurdiu entre un grupo de rapaces, entre os cales se atopaba o seu propio fillo, que debían presentar un proxecto para unha actividade de Ciencia na rúa que se celebraba na Coruña.
O rapaz, que herdou do seu pai o gusto pola Guerra das Galaxias e pola bricolaxe, púxose axiña a traballar, contando coa axuda de amigos e varios membros de Bricolabs, unha asociación xuvenil que reúne diferentes afeccionados á fabricación de diversos aparellos e gadgets. Con todo, o proxenitor non dubida en atribuírlle todo o mérito do proxecto ao seu fillo, “limitándonos o resto a guialo no proceso”, apunta.
Unha asociación que combina ciencia ficción e solidariedade
A conferencia que se vai impartir na Escola de Enxeñería Industrial é só unha das actividades nas que participa Echo Base 28th Elite Forces. Dende o ano pasado, os membros desta asociación forman parte de numerosas iniciativas para atender a colectivos en risco de exclusión, case sempre ambientadas na temática da Guerra das Galaxias.
Actuacións e concertos en hospitais, escolas ou na mesma rúa son eventos frecuentes na súa axenda, demostrando que a ciencia ficción non é incompatible coas causas solidarias.