O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, acompañado polo conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo este luns un encontro tanto coa propia Ojea como con outros dos galegos tamén apoiados por bolsas Starting Grant do ERC: o físico de partículas Diego Martínez, e o químico molecular Javier Montenegro.
Conde lembrou que Martínez foi a primeira fichaxe de Galicia no marco do programa Oportunius, e adiantou que Ojea se incorporará á Universidade de Vigo, tras traballar durante varios anos no centro BC3 do País Vasco. O seu proxecto mobilizará 1,5 millóns de euros no próximo lustro grazas ao apoio do ERC, impulsando a creación de emprego cualificado derivado da composición do equipo de especialistas que axudarán na súa labor á científica galega.
O conselleiro subliñou que o Oportunius configúrase como unha gran oportunidade para reter, recuperar e captar aos mellores investigadores, de cara a que desenvolvan a súa carreira en Galicia e atraian o investimento que supoñen as ERC; para formar a científicos con potencial para conseguir estas bolsas europeas; e para incorporar talento ás pemes, mellorando a competitividade do tecido produtivo .
Unha aposta polo talento innovador que, sinalou o conselleiro, o Goberno galego aspira a facer extensible a outros investigadores, como é o caso do propio Javier Montenegro, que foi asesorado pola Axencia Galega de Investigación para presentar a súa candidatura á bolsa ERC.
Conde destacou que xunto á contratación de Diego Martínez e Elena Ojea polas universidades de Santiago e Vigo, o Oportunius ten permitido xa colaborar con 8 investigadores galegos finalistas e, polo tanto, con potencial para acadar unha bolsa ERC; así como fomentar a participación nas mesmas a través de obradoiros de formación e informes de asesoramento dos que se teñen beneficiado máis de 70 investigadores. O programa Oportunius conta con 5 millóns de euros para atraer máis de 30 millóns de euros en apoios ERC ata 2020 que permitan desenvolver liñas pioneiras en Galicia.