Como “un recoñecemento ao traballo realizado nos últimos cinco anos en temáticas como os sistemas de navegación e os vehículos aéreos non tripulados” valora o docente e investigador da UVigo Higinio González Jorge o premio acadado por Contact-Drone na fase rexional do concurso internacional de innovación Galileo Masters, no que compiten proxectos de desenvolvemento de aplicacións de navegación por satélite na procura dos mellores servizos, produtos e innovacións que utilicen a navegación por vía satélite na vía cotiá.
Contact-Drone, o proxecto premiado na fase rexional do certame internacional, promovido pola Axencia Espacial Europea, a Axencia Europea GNSS, o Centro Aeroespacial Alemán e o Ministerio Federal Alemán de Transportes e Infraestruturas Dixitais, é, segundo o docente e investigador da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, “unha nova aproximación á inspección de infraestruturas con drones. Pensamos que é unha novidade, porque permite realizar inspeccións de grandes estruturas dunha forma diferente e accedendo a datos que nas inspeccións tradicionais non se fan, permitindo obter medidas, por exemplo, con sensores de ultrasóns, que dan información sobre o estado interno da estrutura”. Nacido hai tres anos, Contact-Drone deriva da tese de doutoramento de Luis Miguel González de Santos, “cuxa achega foi fundamental para o desenvolvemento do proxecto e sen o que non poderíamos acadar este premio”, explica González, e nel tamén participa o docente e investigador da UVigo Joaquín Martínez Sánchez.
O xurado dos coñecidos como ‘Óscar do Espazo’ decidiu premiar a idea de negocio de Contact-Drone baseada nos servizos do satélite europeo Galileo, ao considerar que amplía o campo de aplicación das tecnoloxías de navegación ao sector da construción, ademais de que promoverá novos empregos de alto valor engadido. Por mor das restricións derivadas da pandemia, o equipo de Contact-Drone non puido asistir á cerimonia de entrega de galardóns, polo que hoxe nas instalacións de Zona Franca en Bouzas, o seu delegado, David Regades, e o reitor da UVigo, Manuel Reigosa, procederon a entregarlles o corresponde diploma. O reitor amosou o seu agradecemento a Zona Franca “pola súa aposta decidida polo talento, que é algo que para nós como Universidade de Vigo é fundamental. Que o noso talento agrome e que sexa quen de facer cousas importantes desde o punto de vista social”, sinalou Reigosa. Pol súa banda, David Regades destacou que “un proxecto como este para nós é un sinal de identidade. É economía, industria e coñecemento e neste caso ademais dámoslle un dos aloxamentos de Zona Franca a este proxecto que nace aquí como idea e que antes do que todos pensamos se converterá nunha empresa na que se xerará emprego e riqueza”, dixo o delegado.
Máis alo das inspeccións con drones, utilizando cámaras de espectro visible, infravermello cercano e infravermello térmico, que se realizan na actualidade para o mantemento de grandes estruturas como presas, parques eólicos, pontes ou edificios, “Contact- Drone presenta unha carga útil que permite un contacto suave e robusto entre o drone e a estrutura. Deste xeito é posible traballar con tecnoloxía de inspección como ultrasóns ou resistivímetros e obter información máis aló do estado superficial da estrutura”, sinala Higinio González, que se refire a Contact-Drone como unha tecnoloxía disruptiva que pode revolucionar o sector da inspección industrial en altura e contribuír ao uso masivo de drones neste tipo de tarefas.
Canalizado a través dunha start-up chamada Unmanned Galicia, que xa está constituída e en vías de darse de alta como operadora de drones, o proxecto espera comezar a dar servizo orientado á inspección de infraestruturas e edificios, con cámara RGB e termográfica, a principios de 2021. Mentres, os servizos de inspección avanzada, como os relativos á inspección de contacto con ultrasóns ou medicións de resistividade, agardan os promotores do proxecto, comezar a prestalos cara a finais do vindeiro ano.
A participación do persoal investigador da UVigo neste concurso ten acadado importantes éxitos en pasadas edicións. Na de 2019 o proxecto CX-Geodrone resultou gañador destes Space Oscar na categoría de mellor idea do ano. A proposta, impulsada polas universidades de Vigo e de Oviedo, foi elixida entre 300 iniciativas emprendedoras de toda Europa baseadas na navegación por satélite. O proxecto, no que por parte da UVigo estaba implicado o grupo de Antenas, Radar e Comunicacións Ópticas -integrado dentro do centro de investigación atlanTTic- propuña instalar sensores radar en drones en voos a baixa altura, unha sensórica que abre todo un novo abano de posibilidades de uso.