O Concello de Vigo presentou este venres un sistema de rutas interactivas en museos e distintos espazos da cidade a través da aplicación móbil ‘Vigo’. Este proxecto -que estará dispoñible o luns 7 nas plataformas Android e iOS- foi deseñado por técnicos municipais e contou co cofinanciamento dos fondos DUSI europeos, dentro proxecto ‘Vigo vertical’.
O obxectivo é poñer en valor o patrimonio de Vigo creando unha grande base de datos dos elementos clave da cidade polo seu interese turístico, histórico, medioambiental, cultural ou artístico. Nunha primeira fase, a app incluirá as seguintes rutas: ‘Monte do Castro en 100 minutos’, ‘Vigo en 60 minutos’, ‘Muralla de Vigo’, ‘Botánica do xardín do Pazo Quiñones de León’, ademais das do Museo MARCO, sobre as exposicións de Manuel Vilariño e Celeste Garrido.
Con este sistema, os museos de Vigo serán os primeiros de Galicia en posuír esta tecnoloxía de interacción entre museo e visitante. O dispositivo é o mesmo que usan grandes contedores culturais como o Museo Brooklyn, o Museo Guggenheim de Nueva York, o Museo do Louvre en París, o Museo Nacional de Cardiff, Gales ou o Museo de Arte Contemporáneo de Cracovia.
Ao longo dos próximos meses incluiranse máis rutas baixo os nomes ‘Vigozoo’, ‘Pazo e sala de arqueoloxía do Museo Quiñones’, ‘Sendeiros azuis’, ‘Sendeiros GR, Illas Cíes’, ‘Cemiterio de Pereiró’ ou ‘Xacementos arqueolóxicos do Castro e Toralla’.