A programación do Nadal Científico ofertará en total preto de 400 prazas divididas entre obradoiros de robótica, xogos de lóxica e actividades experimentais, buscas do tesouro e outro tipo de actividades que terán como fío condutor a ciencia. De feito, ademais de entreter e facilitar unha aproximación lúdica e divertida ao mundo científico, tamén se concienciará aos rapaces sobre a necesidade de reciclar e depositar os refugallos nos lugares axeitados, para que estes non acaben no mar, contaminando a contorna mariña e provocando danos sobre a fauna acuática.
Todas as actividades desenvolveranse ata o final das festas, serán gratuítas e as prazas estarán limitadas, polo que se recomenda reservar previamente praza para cada actividade. As persoas interesadas en participar nos talleres e obradoiros ou que desexen ampliar esta información poderán facelo no teléfono do Edificio Cambón (886218082 ou 886218090) ou no correo electrónico info@arenariacoordinacion.com
Para inscribirse como participante, deberán remitirse os datos de contacto do neno e do titor, así como un número de teléfono e un email do adulto responsable. Os cativos poderán quedar sos durante a actividade, a cargo dos monitores encargados dos respectivos obradoiros, que non superarán a hora e media de duración. As prazas dispoñibles cubriranse por estrita orde de inscrición.
A primeira xornada de actividades infantís prevista no Edificio Cambón será o 21 de decembro, co obradoiro A robótica das illas, dirixida a nenos de entre 6 e 12 anos que se achegarán e coñecerán o Parque Nacional xogando cos robots como ferramenta principal, e a actividade Animais prehistóricos: elabora o teu fósil, durante a que aprenderán moitas cousas sobre a historia do planeta e terán a ocasión de elaborar unha réplica dun fósil.
Durante as vacacións de Nadal, o Centro de Visitantes permanecerá aberto de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:30 horas. Nesa franxa todas as persoas interesadas poderán visitar de balde as súas instalacións, incluída unha exposición de collages e acrílicos feitos a partir de plásticos recollidos pola Agrupación Sereas de Galicia, que se inaugurou a semana pasada e permanecerá aberta ata o vindeiro 9 de xaneiro.