A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de adxudicar o servizo de mantemento e atención a incidencias invernais na rede provincial de estradas na zona Sur por un orzamento de 906.153 euros. Este é o último dos lotes que quedaba por contratar despois de que en novembro se adxudicasen os correspondentes ás zonas Norte e Centro, e inclúe os viarios que transcorren polos concellos de Salceda de Caselas, Tui, Ponteareas, Salvaterra, As Neves, Mondariz, Mondariz-Balneario, A Cañiza, Covelo, Arbo e Crecente.
Estes contratos, que teñen unha duración de dous anos, permitirán o reforzo das brigadas propias da institución que cobren o territorio para acadar un mantemento óptimo da rede viaria provincial, garantindo o tránsito durante os temporais invernais, a redución dos tempos de resposta a incidencias, así como a posta a disposición de novos medios e maquinaria especializada e a mellora da eficacia na xestión de residuos.
O investimento para estas tarefas no total da provincia alcanza os 3,2 millóns de euros, que se reparten entre os 1,5 millóns da zona Norte (Silleda, A Estrada, Cerdedo, Forcarei, Caldas, Cuntis, Valga, Pontecesures e Catoira), outros 800.000 euros para a zona centro (Ponte Caldelas, A Lama, Cotobade, Pazos de Borbén, Fornelos, Redondela e Soutomaior) e os 906.153 euros adxudicados agora para as estradas provinciais da zona Sur.