Os 61 concellos da provincia, así como as cámaras municipais do norte de Portugal xa dispoñen dunha ordenanza guía sobre xestión integral dos Residuos Eléctricos e Electrónicos (RAEE) que vén de publicar a Deputación de Pontevedra. O documento está colgado do portal web do proxecto europeo ESTRAEE e consiste nunha completa proposta que permitirá aos entes locais que o desexen adaptar as súas normativas municipais sobre residuos para o tratamento dun tipo específico de lixo extremadamente contaminante e cada vez máis presente.
O modelo de ordenanza debulla, ao longo de 31 páxinas a importancia de tratar adecuadamente este tipo de residuos, que en España medran ao ritmo dun 12% ao ano e cuxa xestión está regulada por unha directiva europea dende 2012 e un real decreto en España dende 2015. Precisamente, a Deputación decidiu impulsar o proxecto transfronteirizo Estraee, financiado con fondos Interreg, dentro do programa Poctep, cun orzamento total de 2.145.000 euros, para impulsar o cumprimento deste marco legal na nosa provincia. O primeiro froito do programa foi a reconversión de nove puntos limpos que dan servizo a 11 concellos (Vilagarcía de Arousa, Meaño, A Lama, Silleda, Ponteareas, A Guarda, Gondomar, Nigrán e o da Mancomunidade do Morrazo, que atende a Cangas, Bueu e Moaña).
A ordenanza, que está dispoñible no enderezo www.estraee.depo.gal/areas, aclara que deben considerarse como RAEE tódolos aparellos de aire acondicionado, monitores, lámpadas, tubos fluorescentes, grandes aparellos informáticos de informática, telecomunicacións, luminarias, reprodución de son ou imaxe, equipos de música, ferramentas eléctricas, xoguetes, equipos de lecer, produtos sanitarios, equipos de vixilancia e control, máquinas expendedoras, equipos de xeración eléctrica, pequenos equipos de informática, paneis fotovoltaicos de máis de 50 centímetros e, por suposto, pilas e teléfonos móbiles.
O texto incide especialmente na prevención para reducir a cantidade de lixo eléctrico e electrónico e fixa os criterios de adaptación dos puntos limpos municipais para a súa conversión en ecocentros adaptados á xestión integral deste tipo de residuos dentro dos principios de economía circular. Deste xeito deberán contar con báscula, catro gaiolas acumulables, catro contedores, dez palés, estantes metálicos, sistema de control de acceso, impresora de etiquetas, equipo informático, soleira en formigón e instalación eléctrica. Ademais deberán separar os fluxos segundo o tipo de RAEE. Ademais deberán contar cun rexistro de entrada na que serán anotadas tódalas operacións de entrada. En canto ás cantidades máximas que se poden depositar por persoa e visita establécense unhas marxes, segundo a tipoloxía de RAEE.
Con todo, o modelo de ordenanza tamén deixa claro que as empresas distribuidoras de RAEE deberán aceptar obrigadamente a entrega do material equivalente ao adquirido cada vez que se produza unha venda. O equipo vello mesmo poderá entregarse noutro momento, dando un prazo á persoa compradora que non poderá ser inferior a 30 días naturais. Este tipo de establecementos, cando teñan máis de 400 metros de superficie expositiva, deberán ter prevista a recollida nos seus puntos de venda dos RAEE máis pequenos de maneira gratuita, sen obriga de comprar outro produto.
Finalmente, a ordenanza insta ás entidades locais a fomentar a prevención para promover un uso responsable, favorecer a compra de produtos de segunda man, mellorar a recollida separada, fortalecer a inspección e control e proporcionar a máxima información ás persoas usuarias.