Un total de 19 espectáculos competirán en calidade de finalistas por facerse con algún dos 16 galardóns que se entregarán durante a gala dos XXVII Premios de Teatro María Casares que este ano se celebrará o 21 de marzo no Teatro Rosalía Castro da Coruña. Así o deu a coñecer a Asociación de Actores e Actrices de Galicia durante a tradicional Festa de Finalistas que tivo lugar no Auditorio de Galicia.
Na categoría de “Mellor Texto Orixinal” está a dramaturga covelense Laura Porto por A Nai, un espectáculo de AmorodioTeatro que fala sobre a historia de tres irmás de Ribadavia: Lola, Amparo e Julia Touza, que axudaron a persoas que fuxían do nazismo durante a II Guerra Mundial. Para escribir esta obra, Laura Porto realizou, xunto ao resto do equipo, un intenso traballo documental recollendo testemuñas, entrevistándose coas voces da memoria aínda viva e recompilando cada un dos poucos datos que quedaron rexistrados. A valentía destas tres irmáns dá vida a unha obra na que tamén se afonda no papel invisible de moitas mulleres, na maternidade ou na migración provocada polos conflitos sociais, bélicos e políticos.
O alcalde de Covelo, Pablo Castillo, en nome do grupo de goberno felicitou a Laura Porto por esta nominación “que nos fai sentir unha ledicia inmensa e decatarnos da importancia de loitar polos nosos soños e de que vivir no rural, en Covelo, non é ningún impedimento para acadalos”. Pablo Castillo salienta que Laura Porto é un exemplo do rural activo, cultural e inquedo, “tesouros que volven ás nosas aldeas e dos que non podemos deixar de sentirnos orgullosos”.
Logo de traballar este verán no país veciño de Portugal, a dramaturga Laura Porto recibe esta nominación con ilusión e con moitos novos proxectos na bandexa de saída, proxectos nos que non faltará o compromiso social non só do trasfondo da obra tamén na metodoloxía de traballo que ten como obxectivo achegar o teatro á veciñanza e a cada recuncho de Galicia.
Relación de finalistas por montaxes
- 1. Unha inimiga do pobo, de Talía Teatro (9 finalistas): espectáculo, dirección (Tito Asorey), actriz protagonista (Marta Lado), actor secundario (Toño Casais), adaptación-tradución (Tito Asorey e Vanesa Sotelo), iluminación (Laura Iturralde), espazo escénico (Dani Trillo), maquillaxe (Martina Cambeiro) e vestiario (Martina Cambeiro)
- 2. Hamelin, de Redrum Teatro (6 finalistas): espectáculo, dirección (Alex Sampayo), actor protagonista (Machi Salgado), actor secundario por partida dupla (Fran Lareu e Roberto Leal) e iluminación (Carlos Álvarez-Ossorio)
- 3. O Auto do Castromil, de Producións Teatráis Excéntricas en coprodución co CDG (5 finalistas): espectáculo, dirección (Quico Cadaval), actor protagonista (Víctor Mosqueira), vestiario (Carlos Alonso) e Espazo sonoro (Piti Sanz)
- 4. Shakespeare en Roma, do Centro Dramático Galego (5 finalistas): actor protagonista (Toni Salgado), actriz protagonista por partida dupla (Sheyla Fariña e Rebeca Montero), vestiario (Saturna), adaptación-tradución (Volodymyr Snegurchenko para Coriolano, Ana Carreira para Xulio César, Ana Abad de Larriva para Antonio e Cleopatra e Lorena Conde para Tito Andrónico)
- 5. Un hotel de primeira sobre o río, do Centro Dramático Galego (5 finalistas): dirección de movemento (María Torres e Gonçalo Guerreiro), actrices secundarias por partida dupla (Raquel Espada e Lidia Veiga), vestiario (Carolina Díguele) e espazo escénico (Gonçalo Guerreiro)
- 6. Entrega en man, de Contraproducións (3 finalistas): actriz secundaria (María Roja), adpatación-tradución (Cándido Pazó e Santi Romay) e maquillaxe (Martina Cambeiro)
- 7. Deadpan Karaoke, de Ibuprofeno Teatro (2 finalistas): maquillaxe (Baia Fernández) e Espazo Sonoro (Mónica de Nut)
- 8. Crisálida, de Caramuxo Teatro (2 finalistas): espectáculo infantil e espazo escénico (Diego Valeiras)
- 9. Vox Populi, de Malasombra (2 finalistas): espazo sonoro (Carlos Mosquera Mos) e iluminación (Octavio Mas)
- 10. Backstage, de NegroLópez (1 finalista): espectáculo infantil
- 11. Ándale! Bon apêttit!, de Teatro Ghazafelhos (1 finalista): espectáculo infantil
- 12. Frida, de A Cova das letras (1 finalista): dirección de movemento (Olga Cameselle)
- 13. Insubmisa, de Antagonista Teatro (1 finalista): dirección de movemento (Marta Alonso)
- 14. Códice K, de Ainé, (1 finalista): texto orixinal (Manuel Cortés)
- 15. A Nai, de Amorodio Teatro (1 finalista): texto orixinal (Laura Porto)
- 16. Mosca, de Árika Cía (1 finalista): texto orixinal (Gustavo del Río)
- 17. Nanai da China, de Pérez&Fernández (1 finalista): espectáculo de monicreques, obxectos e figuras animadas
- 18. A teteira de Kabul, de Xarope Tulú (1 finalista): espectáculo de monicreques, obxectos e figuras animadas.
- 19. Coliño, de A Xanela do Maxín (1 finalista): espectáculo de monicreques, obxectos e figuras animadas.