O Salón Nobre do Castelo, no que naceu o Manifesto de Soutomaior, converteuse na tarde deste venres no escenario dun novo encontro das creadoras galegas unidas en torno a este documento reivindicativo no que se avoga pola igualdade en todos os ámbitos da escrita. Baixo a mirada de escritoras históricas como Pura Vázquez, Concha Castroviejo ou Filomena Dato -presentes en figuras de cartón pluma- a presidenta da Deputación, Carmela Silva, xunto a creadora e impulsora do Manifesto Isabel Blanco, recibiu na fortaleza que no seu día foi o fogar da “marquesa vermella”, a escritora María Vinyals, a boa parte das escritoras asinantes, entre elas, a presidenta da asociación “Clásicas y Modernas”, Fátima Anllo, Silvia Penas, Eudurne Baines, Silvia Cernadas, Arantza Portabalaes, Mercedes Corbillón ou Mariana Carballal.
Carmela Silva, fixo un balance destes meses e confirmou ata 31 novas adhesións ao Manifesto de Soutomaior, “que seguirán aumentando”, e amosou a súa ledicia pola conciencia que se está a xerar en diversos ámbitos da sociedade na procura dun mundo máis igualitario en todos os ámbitos e, de xeito especial, na cultura e na escrita. Así, anunciou a incorporación ao Manifesto, e aos compromisos coa igualdade e a cultura que del se derivan, de novos organismos como a Fegamp, as Deputacións de Ourense, Lugo e A Coruña, os Reitorados da Universidade de Vigo e da Universidade da Coruña; concellos da provincia como A Guarda, Vilagarcía, O Grove, Baiona, Caldas de Reis, Meis, Nigrán, Poio, Ponteareas, Silleda, Tui, Vilaboa, Gondomar, Redondela, Salceda de Caselas, Forcarei e A Illa de Arousa; e municipios de outras provincias galegas como Santiago de Compostela, Allariz e Vilar de Barrio. Tamén de entidades do ámbito da cultura como a Asociación Galega de Profesionais de Xestión Cultural, Fundación Olga Gallego, Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Casa – Museo Emilia Pardo Bazán e a Asociación Galega de Editoras.
Foi a escritora Isabel Blanco, impulsora do Manifesto, quen explicou as múltiples propostas de accións que se van a realizar. Entre elas anunciou xa a constitución da comisión de seguimento do Manifesto, a creación dun Observatorio para definir o regulamento, funcións, composición e metodoloxía de traballo, e a remisión á administración competente en materia de educación e ás editoriais de libros de texto dunha proposta para a inclusión das escritoras galegas nos plans de estudo. Do mesmo xeito, tamén se formulou a elaboración de propostas concretas para o recoñecemento das obras e traxectoria das escritoras galegas -con premios, homenaxes, exposicións, etc.-, así como da labor das entidades que promoven e favorecen a igualdade das autoras e editoras a través duns galardóns que serán convocados pola Deputación de Pontevedra.
Na reunión tamén se tratou a redacción dunha proposta consensuada para que as mulleres ocupen cadeiras na Real Academia Galega na vindeira década, período para o que tamén se farán candidaturas concretas para a homenaxe do Día das Letras Galegas e a remisión de propostas para fomentar a venda de libros escritos por mulleres. Do mesmo xeito, tamén se propuxo a creación dunha figura que evidencie e dea a coñecer publicamente as entidades que poñan en práctica as malas praxis que afianzan e perpetúan a inxusta situación das mulleres na escrita, así coma creación dunha caixa de correo na que se recollan suxestións, denuncias ou queixas neste ámbito.
O Manifesto de Soutomaior
O Manifesto foi asinado a comezos de novembro do ano pasado por un grupo de mulleres da escrita que se reuniu, da man da Deputación, no Castelo de Soutomaior co gallo do Día Mundial das Escritoras. Este documento segue o modelo do manifesto “Seneca Falls” do século XIX, que inclúe a denuncia das diferentes situacións de desigualdade no mundo da escrita e propón todo un Plan de Acción para rachar con ela.