O Goberno da Deputación ven de aprobar novas subvencións por máis de medio millón de euros para catro municipios da provincia ao abeiro do Plan Concellos. Trátase de achegas da liña 1 de Investimentos coas que os concellos de Baiona, A Cañiza, Moaña e Mos levarán a cabo proxectos de restauración, de captación de auga, de eficiencia enerxética e de mellora da seguridade viaria e mobilidade peonil.
O concello de Moaña recibirá 250.566 € para financiar o acondicionamento e mellora da accesibilidade e a eficiencia enerxética do Pavillón Municipal de Reibón, unha actuación en liña co Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima e en sintonía co principio de non causar prexuízo ao medio ambiente.
Mos contará con 133.964 € para a mellora da seguridade viaria e mobilidade peonil na EP-2601 Mos-Puxeiros. Esta actuación enmárcase no convenio asinado entre a Deputación e o Concello por valor de 446.543,39 € dos cales 312.582,77 € son asumidos pola institución provincial e 133.963,62 € polo goberno local. Precisamente esta contía correspondente ao Concello é a que vén de ser aprobada pola Xunta de Goberno de tal xeito que o 100% da actuación de mellora da seguridade viaria e mobilidade peonil na estrada entre Mos e Pxueiro será financiada con recursos da Deputación.
No caso da Cañiza os recursos ascenden a 88.399 € para que o goberno local poida realizar investimentos para a captación de auga para subministro ao depósito de Porto Augavella. A achega inclúe os recursos necesarios para executar a obra pero tamén para aboar os custos da redacción do proxecto e os honorarios da dirección de obra e coordinación de seguridade e saúde.
E para Baiona o goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar 72.753 € para financiar o proxecto de restauración do palco de música no Parque da Palma. Con estes recursos a vila pode financiar integramente a execución da obra e tamén aboar os custos dos honorarios da redacción do proxecto, da dirección de obra e da coordinación de seguridade e saúde.