O Concello da Guarda seguiu a estela doutras vilas como Nigrán ou Baiona e decidiu abrir diferentes espazos públicos para que a cidadanía poida usalos cos cativos durante a hora que poden saír á rúa. A Comisión de Coordinación do Covid-19 do municipio considerou oportuno, dentro do proceso de desescalada, permitir a partir deste martes 28 de abril o acceso as praias, ao castelo de Santa Cruz e aos espazos naturais, como por exemplo o parque do Cancelón.
Nestes lugares estará autorizado o paseo e esparexemento dos máis pequenos, sempre e cando cumpran coa normativa estatal: ir acompañado dun adulto, permanecer fora do domicilio como máximo unha hora e non afastarse da vivenda máis dun quilómetro. Mentres, manteranse pechados os parques infantís para evitar aglomeracións.
Tamén se propuxeron liñas de traballo para ir adiantándose a futuros escenarios como a elaboración dun documento técnico e un protocolo para o momento en que se volvan a prestar servizos nas oficinas municipais de forma presencial.
Ademais, tratouse a convocatoria dun pleno extraordinario para a adopción de medidas económicas, entre elas a de non cobrar as terrazas neste 2020. Así mesmo falouse da adopción de medidas de fomento e dinamización do sector turístico e o comercio local, neste punto o alcalde emprazou aos membros do equipo de goberno a unha reunión monográfica da a importancia do tema.