O luns día 5 celebrase o Pregón ás 20:00 horas na Praza do Reló, que correrá a cargo de Nava Castro, directora xeral de Turismo da Xunta de Galicia. Pola noite tocará verbena coas orquestras América SL e Xacobeo na Alameda.
Para a xornada do martes día 6 de agosto queda o Torneo de Fútbol Base do Sporting Guardés, un festival folclórico no Auditorio de San Bieito e unha nova verbena coas orquestras Israel e D´Moda.
O mércores día 7 de agosto terá lugar a Marcha Cicloturista Popular, o Torneo de Fútbol Sénior, o XIV Rock in Fervenza e pola noite actuarán as orquestras Passarela e Limón.
Na xornada do xoves día 8 de agosto desenvolverase o XIX Campionato Exhibición de Xadrez ao aire libre e pola noite haberá unha nova sesión de verbena coas orquestras Claxxon e Ibiza.
O venres día 9 de agosto as pistas deportivas do Codesal acollen o I Torneo de Petanca e pola noite será a quenda das orquestras Galilea e Nazaret.
Como vén sendo habitual, na mañá do sábado terá lugar o Desfile Folclórico Tradicional e de Bandas Mariñeiras, un evento que congrega a milleiros de persoas entre a Alameda da Guarda e o Porto. Pola noite, máis verbenas na Alameda coas orquestras La Oca Bang e Noche de Estrellas.
O domingo prodúcese a subida ao monte, na cal as Bandas Mariñeiras realizan os seus xuramentos con comida popular e posterior desfeita. Á noite amenizarán a verbena as orquestras Ámbar e Azúcar. Xa o luns 12 de agosto á medianoite terá lugar a Gran Tirada de Fogos de Luces no Porto da Guarda, coa que se pon o punto e final a unha semana de festexos.
O Concello da Guarda pediu a colaboración cidadá para que se respecten as sinalizacións que delimitan os espazos protexidos dun elemento patrimonial tan importante como o Monte Santa Trega, evitando o uso da zona arqueolóxica para o xantar, de xeito que non se produzan agresións que provoquen danos nas estruturas.