O Concello da Guarda informou de que decidiu suspender as Festas do Monte diante da crise sanitaria provocada polo virus Covid-19 que obriga a manter medidas de seguridade e prevención para a protección da saúde da cidadanía. «Tendo en conta os milleiros de persoas que durante as festas do Monte se achegan á Guarda para participar nunhas festas multitudinarias referentes en toda Galicia, tanto nas verbenas como no desfile e a romaría da fin de semana e considerando a normativa vixente na actualidade, tanto da Xunta de Galicia como do Goberno Central, referida ás medidas de seguridade que hai que manter cara a nova normalidade, pero sobre todo, tendo en conta a saúde das persoas», sinala o Concello nun comunicado.
O equipo de goberno do Concello da Guarda mantivo unha xuntanza coa comisión de festas e cos responsables das bandas mariñeiras, o pasado venres 26 de xuño, para valorar e tomar unha decisión respecto da celebración das festas do Monte 2020. «A totalidade dos asistentes á xuntanza valoraron a imposibilidade de manter as condicións que a Xunta de Galicia establece dadas as características da festa, pola gran afluencia de persoas que asiste e pola falta de medios para realizar os controis necesarios para ter garantías sanitarias. Así mesmo, os asistentes, entenderon que a prioridade nestes momentos, sobre calquera outra consideración, é a saúde», engade.
«Despois de facer unha reflexión conxunta e vista a incerta situación sanitaria que temos na actualidade o concello da Guarda, de acordo coa comisión de festas e os responsables das bandas mariñeiras, anuncia a suspensión das festas do Monte 2020, o que inclúe as verbenas, o desfile e a romaría do domingo. Poñendo como principal prioridade nestes momentos a saúde das persoas», conclúe o goberno municipal no comunicado.