Segundo informou a Xunta, o proxecto foi redactado polos especialistas da Axencia Galega de Infraestruturas e na súa elaboración se recolleron as demandas dos alcaldes, da Federación Galega de Ciclismo e de diversos expertos en seguridade viaria, e a solución técnica conta coa conformidade da Dirección Xeral de Tráfico, coa que a Xunta traballa coordinadamente tanto neste proxecto como no impulso de campañas específicas de seguridade viaria.
«Estas actuación é coherente cos principios do Plan Galego de Seguridade Viaria 2015-2020, posto en marcha polo Goberno galego co obxectivo de ofrecer unha maior protección os usuarios mais desprotexidos das estradas», afirma nun comunicado.
As obras consistirán na substitución dos actuais separadores de formigón presentes nesta vía por outros de goma rebasables, que amplían o espazo ao que pode recorrer o ciclista deportivo en caso de necesidade. Ademais, dotarase esta estrada de beiravías máis anchas, nas que será posible a práctica do ciclismo deportivo, mentres que o carril bici se estreitará e quedará convertido nunha senda mixta de utilidade tanto para peóns como para ciclistas turísticos.
Por último, intensificaranse a sinalización nas rúas e beiravías para concienciar e sensibilizar a todos os usuarios sobre a importancia de respectar a tódolos usuarios das estradas.
Con esta medida, a Consellería de Infraestruturas busca «respectar todos os tipos de usuarios desta vía mediante a realización de varias actuacións para compatibilizar as necesidades de peóns, ciclistas e condutores e incrementar a seguridade dos usuarios vulnerables».
Actuarase ao longo dos 51 quilómetros de lonxitude do carril que une Vigo con Baiona e A Guarda e contarán cun orzamento de 800.000 euros por parte do Goberno Galego.