Deste xeito, as persoas interesadas en participar xa poden presentar a súa solicitude a través da páxina web www.depo.gal ou ben dos rexistros da Deputación de Pontevedra en Pontevedra e Vigo. O prazo remata o xoves 1 de febreiro.
A data coincide cos actos de celebración do Día Mundial das Zonas Húmidas, polo que o persoal especializado de SEO BIRDLIFE, que guiará a ruta e facilitará material para poder avistar as diferentes aves, tamén achegará información sobre a importancia das zonas húmidas para o ser humano e para a natureza en xeral.
O esteiro do Río Miño e a foz da Ramallosa son lugares cunha grande variedade de hábitats. Así, falamos de zonas especiais de conservación e zonas de especial protección para as aves e nelas acóllense milleiros de aves de invernada ou que empregan o espazo no seu tránsito cara o Sur.
Nelas pódense atopar tanto limícolas como mazaricos, biluricos, pilros ou avefrías como patos, garzas, mergullóns ou pentumeiros. Tamén se poden ver aves rapaces, entre as que destacan a gatafornela, o lagarteiro cincente e a aguia peixeira, podendo observar a súa espectacular forma de pesca.
O programa ‘Voando nas Rías Baixas’ complétano a visita guiada ao Complexo Intermareal Umia-O Grove, que tivo lugar a pasada fin de semana, e ás Brañas de Xestoso, que se desenvolverá en maio de 2018. A campaña forma parte das actuacións enmarcadas no Plan Estratéxico de Turismo presentado hai unha semanas, xa que se trata dunha oportunidade de diversificar o turismo na provincia de Pontevedra ao tempo que sensibilizamos á cidadanía local sobre a necesidade de preservar estes espazos protexidos.
Cada unha das rutas ornitolóxicas do programa conta con prazas limitadas, xa que o grupo non poderá exceder de 30 persoas ao tratarse dunha actividade que pretende non ocasionar impacto ambiental sobre estas zonas protexidas.