A construción da nova Escola Infantil da Guarda está máis preto de facerse realidade tras o acordo para a sinatura dun convenio entre a Xunta e o Concello en próximas datas.
O proxecto para a construción deste novo centro, destinado a nenos de 0 a 3 anos, ten un custe de 691.000 euros dos que o Goberno galego aportará 410.000 euros a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e a cantidade restante, uns 281.000 euros, será sufragada polo Concello.
Desta maneira, a escola será construída e xestionada polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar de acordo co modelo de cofinanciamento establecido no Acordo Marco asinado pola Consellería de Política Social e pola Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para ese tipo de centros do Consorcio. O Concello deberá agora tramitar a aprobación do texto, para poder proceder a continuación á firma do convenio, requirimento necesario para comezar o procedemento de licitación da obra.
O novo centro contará con tres unidades e 41 prazas que se sumarán á escola municipal xa en funcionamento neste concello do Baixo Miño e que mellorará a conciliación das familias guardesas. Con esta actuación, a Xunta de Galicia cumpre o seu compromiso de incrementar os servizos postos á disposición das familias para poder compaxinar a súa vida persoal coa laboral.
Ademais, con estas novas prazas tamén se aumenta a ratio de atención á infancia deste concello, un incremento que leva a superar o 33% da ratio que recomenda pola Unión Europea.