O Concello da Guarda comunicou este venres que tres traballadoras de servizos exteriores están contaxiadas por Covid-19. As empregadas afectadas, segundo informa o consistorio, conforman “un grupo que traballa formando unha burbulla e sen contacto estreito” co resto do persoal. Agora Sanidade comezará a facer probas de PCR aos familiares destas traballadoras e ás persoas coas que tiveron contacto estreito.
Así mesmo, o Concello da Guarda mantivo este xoves unha reunión do Comité de Prevención e Saúde e trasladou a información ao servizo de prevención, activando os protocolos e medidas de prevención correspondentes. Igualmente, se mantivo informados aos voceiros dos grupos políticos.
Os afectados por coronavirus na localidade ascenden a 15 persoas asociadas a tres brotes familiares. Mentres, todo o profesorado e menores da ludoteca deron negativo por PCR, ao igual que os usuarios e os traballadores da residencia de maiores Monte Tecla.
Malia todo, o Concello quixo transmitir “unha mensaxe de tranquilidade á poboación en xeral indicando que se está facendo o necesario para rastrexar e controlar os brotes”. “Temos que ser conscientes da nosa vulnerabilidade, o virus está aí e debemos tomar as medidas de prevención recomendadas para evitar o seu espallamento: distancia social, hixiene de mans e uso da máscara”, apunta o Goberno local.