Trátase dunha iniciativa programada e anual, que este ano xira en torno á campaña “Fame de Experiencias” centrada na enogastronomía, polo que se resaltan especialmente os produtos do mar e da terra da provincia, así como os viños e caldos das Rías Baixas. Ademais, todos as propostas culinarias teñen en conta pratos europeos, xa que a iniciativa faise, coma todos os anos, con motivo do Día de Europa.
O alumnado do Centro Manuel Antonio vai preparar en Baiona, A Guarda e Vigo os seguintes menús: lambetada de paté de mexillón da nosa ría, cristais de alga e pau de colín; petisco de galleta mariñeira, filetiños afumados de rincha de Beluso, brotes da nosa horta e virutas de cítricos; pipiritapa de laconciño, crocante de pan de castañas con prebe de mar e montaña; boliche crocante de millo recheo de chopiño de potera da Guarda; almofada de leituga baby con roxóns e requeixo das Neves; chiquito morno de pote galego ao estilo da miña avoa; melindres do noso Condado-Paradanta; empanada enreixada de cabelo de anxo e mazá; roscón de xema; e torta Rías Baixas.
Degusta Europa xa pasou polos mercados do Grove, Bueu e Pontevedra, con menús elaborados por outro dos centros máis prestixiosos da provincia, como é o Centro Carlos Oroza de Pontevedra. O obxectivo do programa é poñer en valor a enogastronomía e a calidade dos produtos das Rías Baixas, así como a excelencia destes centros de formación da provincia, que xa son todo un referente. Ademais, Degusta Europa tamén pretende impulsar e potenciar os mercados de proximidade da provincia, dándolles novos contidos e favorecendo o contacto directo entre praceiras e praceiros e público en xeral.