Ambas están organizadas polo Concello da Guarda en colaboración co Proxecto Socheo para rendir tributo á figura e a obra do fotógrafo guardés Joaquín García Portela, máis coñecido polo alcume do Costiña.
Así, Costiña foi un dos fotógrafos máis lembrados na vila na que viviu entre os anos 1894 e 1957. Na exposición atoparanse imaxes que fixo a veciños da Guarda e da súa contorna, obxectos e fotografías persoais do fotógrafo que ilustrarán a súa biografía e poderán verse os seus filmes familiares.
O achado, estudo e posterior dixitalización destes filmes motiva este programa de actividades arredor do Costiña. Foron realizados entre os anos 1926 e 1929 e, ata o día de hoxe, supoñen as primeiras películas filmadas na Guarda e por un guardés.
Pioneiro do cinema
Atopámonos así ante o pioneiro do cinema na Guarda. No seus filmes poderemos ver escenas familiares na casa que o fotógrafo tiña en Mazaracos, escenas do campo filmadas no Castro, as festas de setembro da Guarda e imaxes do barrio da Marina. Son imaxes cun forte carácter etnográfico, unha consideración que fai destas imaxes uns documentos patrimoniais de grande magnitude.
Beli Martínez, produtora da exposición, sinala que “será unha exposición chamada a ser degustada con calma, para viaxarmos no tempo pola historia da Guarda. Será unha porta a través da que poderá escoitarse a chamada dos nosos antepasados. A maioría das facianas das fotografías non sabemos a quen pertencen, polo que convidamos a todos os guardeses a que entren no proceso que propomos e nos axuden a identificalas”.
Este tecido de actividades rematará no mes de novembro cando se faga a presentación dun pequeno libro dedicado a súa vida e a súa obra. Unha publicación na que interveñen especialistas do mundo da fotografía e do cinema como Manuel Sendón, Luis Parés ou Fernando Redondo.
Proxecto compartido
O Proxecto Socheo é unha iniciativa que quere localizar, estudar, inventariar e dar a coñecer as imaxes que foron gravadas na Guarda e no Baixo Miño, co obxectivo de salvagardar un patrimonio audiovisual local e proxectalo, sen restricións, cara o mundo. A maior parte este traballo está dispoñible en Internet, a través dunha canle homónima en Youtube que superou as 100.000 visitas e no portal www.proxectosocheo.com. Pódense visionar máis de 350 películas.