A deputada socialista Leticia Gallego visitou este mércores A Guarda, xunto ao seu a alcalde, Antonio Lomba, para presentar unha batería de iniciativas para urxir á Xunta a resolver o problema de transporte entre o concello guardés e o municipio portugués de Caminha co principal obxectivo de dar continuidade ao Camiño Portugués da Costa no seu paso polo esteiro do Miño.
“O transbordador que une as dúas beiras do río atópase inactivo e isto impide a peregrinas e peregrinos cruzar o esteiro en transporte regular”, alertou a socialista, quen incidiu no “importante quebranto e confusión” que isto supón, ao que se suma a “desinformación” e as “publicacións contraditorias” sobre a ruta Xacobea.
Ao fío disto, Gallego lamentou que, “malia que a web oficial do Camiño de Santiago sinala que o Camiño Portugués da Costa entra en Galicia pola vila mariñeira de A Guarda, tras cruzar o río Miño na súa desembocadura, varias organizacións e entidades portuguesas formulan alternativas que nada teñen que ver coa ruta oficial, recoñecida e promovida pola Xunta”.
Así, destacou, “algunhas publicacións indícanlles ás peregrinas e peregrinos que percorran case 30 quilómetros máis para cruzar o río a través da ponte que une Vilanova de Cerveira e Tomiño para logo chegar ata A Guarda, e noutras mesmo propoñen continuar o itinerario ata Valença do Minho para enlazar dende alí co Camiño Portugués, o cal é moito máis grave xa que anula o percorrido pola costa atlántica galega que transcorre polos municipios de A Guarda, O Rosal, Oia, Baiona e Nigrán”.
“Cómpre buscar unha solución a curto prazo para arranxar esta problemática no transporte de pasaxeiros e pasaxeiras entre ambos municipios, polo que pedimos á Xunta que se reúna cos alcaldes afectados para que poidan trasladarlles de primeira man a problemática que están a vivir”, subliñou a responsable socialista.
Por último, Gallego pediu ao goberno galego que “se manifeste e tome medidas” en relación ás publicacións que difunden itinerarios “non oficiais” sobre o Camiño Portugués da Costa, xa que isto “implica un enorme prexuízo” para a ruta Xacobea e, nomeadamente, para os municipios do Baixo Miño polos que transcorre.