A participación de Dolores Gómez, presidenta da asociación Mulleres Salgadas, na xornada técnica organizada por Opmega o pasado mes de maio deixou unha reivindicación clara: maior protagonismo para as mulleres no sector. Desde a Organización de Produtores de Mexillón de Galicia deuse pronta resposta a esta petición cunha reunión na que ambos os colectivos acordaron colaborar para poñer en valor o papel da muller na miticultura galega, do que forman parte máis de 1.600 profesionais segundo os últimos datos oficiais.
Tradicionalmente, era cada unidade familiar a encargada do traballo nas bateas, coa muller como parte fundamental. A mecanización dos procesos fixo evolucionar a fórmula de traballo pero non minguou o peso feminino nunha tarefa que, historicamente, foi pasando de nais a fillas.
A primeira das accións postas en marcha en virtude do acordo de colaboración é a recompilación de fotografías das pioneiras do sector co obxectivo de darlles esa visibilidade que non tiveron no seu momento. As imaxes formarán parte dunha exposición que se inaugurará o próximo mes de marzo, coincidindo co Día da Muller Traballadora. Unha mostra fotográfica que busca poñer cara, nome e apelidos a estas mulleres e para iso Opmega habilitou un correo electrónico (Bateeiras@opmega.com) ao que se poderán dirixir particulares ou profesionais que dispoñan de documentos gráficos sobre o particular.
A idea é que, despois da súa inauguración, esta exposición poida levar aos centros escolares para facer partícipes aos estudantes da historia destas profesionais. En moitos casos, sobre todo na Ría de Arousa, servirá para que os mozos coñezan de primeira man o esforzo realizado polas súas nais e avoas.
Por outra banda, Opmega decidiu dirixirse á Consellería do Mar para apoiar a petición realizada en 2021 por parte da Asociación Mulleres Salgadas a este departamento e á Secretaría Xeral de Igualdade de crear un Observatorio de Igualdade do sector pesqueiro galego. A asociación que preside Dolores Gómez, e que conta con asociadas en toda Galicia, considera que “o peso e as características específicas da pesca e as actividades acuícolas na nosa comunidade precisan dun observatorio formado por persoal chécnico que estude, analice e estableza diagnósticos e medidas correctoras que contribúan a mellorar a situación das galegas que traballan no mar ou en actividades relacionadas”. Para as Mulleres Salgadas, urxe poñer remedio á escasa presenza de mulleres en postos de dirección e representación.