O alcalde da Guarda, Antonio Lomba, fíxose eco este xoves dos problemas de atención primaria que vén sufrindo a veciñanza da vila coa saturación existente no centro de saúde da localidade. Os pacientes levan semanas soportando longas esperas para conseguir ser atendidos por culpa da falta de persoal.
Lomba dirixiuse por escrito ao novo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, para poñer de manifesto, unha vez máis, os problemas de persoal que se veñen producindo no centro de saúde e que teñen como consecuencia unha atención deficiente.
Esta carencia de persoal vese agravada na actualidade pola observación dos protocolos de protección fronte a Covid-19 e, no caso concreto da Guarda, polo illamento xeográfico que padece ao estar a unha distancia considerable dos hospitais de referencia en Vigo e ter unha comunicación por estrada moi deficiente ata Tui.
O alcalde aproveitou o escrito para subliñar a “necesidade” de reforzar o servizo do Punto de Atención Continuada (PAC), dado que en moitas ocasións queda sen persoal sanitario cando o único equipo de garda ten que saír a atender unha urxencia.