Neste sentido, esta semana deuse un paso importante coa apertura da inscrición das unidades, que xa se pode facer a través da web de Culturmar (www.culturmar.org).
Os organizadores (Culturmar, Piueiro, Instituto de Estudos Miñoranos e Concello da Guarda) esperan que no encontro da Guarda participen ao redor dun centenar de embarcacións, aínda que Manuel García Sendón, presidente de Culturmar, móstrase optimista e cre que o evento que se celebrará este ano no Baixo Miño poderá superar as 120.
As últimas reunións dos organizadores centráronse nos pormenores do traslado das embarcacións, un dispositivo por terra e mar que conta co apoio e a colaboración de dúas consellerías da Xunta de Galicia: a de Mar e a de Medio Ambiente. Coas titulares de ambos departamentos estableceuse un protocolo para coordinar o operativo que comezará o día 6 de xullo e que, co apoio do remolcador «Sebastián de Ocampo», concentrará ás embarcacións nas Illas Cíes, onde pernoitarán antes de partir cara á Garda para participar no Encontro que ten carácter bianual.
Será unha espectacular peregrinación que terá o seu punto de partida en Muros, onde a frota local e a da Coruña reunirase con embarcacións norteñas para poñer rumbo sur o día 29 de xuño. Cando a procesión pase por Sálvora, recollerá ás unidades procecentes das Rías de Pontevedra e Arousa. E xa toda a frota achegarase ata as Cíes, onde esperan os barcos da Ría de Vigo para realizar a última etapa ata a sede do encontro deste ano.
A navegación destes barcos ata A Guarda será documentada en vídeo xa que se trata dunha viaxe pola práctica totalidade da costa atlántica galega. Será máis dunha semana de circunvalación costeira que, a recado, deixará imaxes para o recordo e para a memoria, cumprindo así co obxectivo de recuperar e achegar á cidadanía toda a sabedoría que representan as embarcacións tradicionais.
Un pouco de historia
A Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial ( Culturmar) convoca entre as súas asociacións cada dous anos, desde 1993, o Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia . A este evento están convidadas todas as asociacións pertencentes á Federación e entidades afíns, tanto de Galicia como de Portugal, Irlanda, Francia, País Vasco, Cataluña, Andalucía, Levante ou Baleares, así como particulares e institucións de interese cultural e patrimonial.
O Encontro, que ten este ano como patrocinadores principais á Xunta de Galicia e Deputación de Pontevedra, consiste nunha gran concentración de embarcacións tradicionais representativas do patrimonio marítimo galego, así como doutras zonas xeográficas, acompañados de actos culturais e de lecer, xornadas de conferencias, coloquios, exposicións, publicacións, música e danza tradicional, artesanía, etc.
A celebración do mesmo ten como obxectivo principal poñer de manifesto a riqueza do patrimonio marítimo e fluvial galego e a necesidade de conservalo. Por outra banda, os encontros serven para mostrar o traballo no ámbito da recuperación do patrimonio que realizan as asociacións e, ao mesmo tempo, supón unha actividade de dinamización social xa que se converte nunha celebración moi atractiva para os habitantes e visitantes da vila que acolle o Encontro.
Os encontros dinamizan sectores como a carpintería de Ribeira, os efectos navais, artesáns e, sobre todo, para conservar e divulgar o Patrimonio Marítimo Galego, potenciando os atractivos turísticos das comunidades da beiramar e axudando a un turismo sustentable, tal e como recomendan os diversos proxectos que puxo en marcha a Comisión Europea.