A cultura atlántica, esencialmente marítima e mariñeira, é fornecedora dun patrimonio inmaterial moi importante. Recuperalo, protexelo e dinamizalo é o principal obxectivo do proxecto Atlantic CultureScape, unha iniciativa na que están implicadas seis rexións do arco atlántico: Galicia, Cantabria, Andalucía e Río Maior en Portugal así como zonas de Gales, Irlanda e Irlanda do Norte. A participación galega está coordinada pola Universidade de Vigo e céntrase concretamente no patrimonio intanxible da vila da Guarda e no concepto de «atlanticismo”.
O proxecto botou a andar hai ano e medio cofinanciado polo Programa Interreg Atlantic Area a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e, froito do traballo dos investigadores da UVigo, coordinados pola profesora Pilar Muñoz, do Departamento de Economía Financeira e Contabilidade, e da colaboración con entidades locais, nacen dous documentais que esta semana se van presentar na Mostra Internacional de Cinema Etnográfico que se celebra en Santiago de Compostela.
Dirixidos por Xisela Franco, estas dúas pezas visibilizan o patrimonio inmaterial da vila, onde a súa xente, o mar e a cultura mariñeira son os elementos vertebradores. Aproxímanse ao mundo do mar desde a etnografía experimental, achegando unha visión entre o documental e a poesía que permite coñecer o mundo mariñeiro da Guarda e a súa xente. Para estes dous traballos sobre as redeiras e sobre a carpintería de ribeira, a autora contou coa colaboración das Asociación de Redeiras do Baixo Miño Atalaia e a de Embarcacións Tradicionais O Piueiro.
Estas propostas audiovisuais permiten poñer o foco nas comunidades locais, como portadoras e transmisoras de saberes e faceres tradicionais, dando a coñecer non só a paisaxe da vila mariñeira, senón que tamén a súa historia e o seu patrimonio material e inmaterial. Ambas creacións estrearanse este mércores 23 de marzo ás 18.30h no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela, dentro das actividades paralelas que ofrece a Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE). Á xornada asistirá tanto a propia Xisela Franco como as persoas protagonistas des documentais, as redeiras de Atalia e os membros de O Piueiro. A asistencia á proxección é libre e de balde.
As curtas, un reflexo en imaxes
Estas curtas, como explica o equipo do proxecto, “supoñen un reflexo en imaxes da cultura mariñeira da Guarda, nas que as veciñas e veciños da vila pasan a ser cocreadoras e cocreadores da obra”. Así, a autora, Xisela Franco, e as persoas protagonistas, “lévannos a coñecer —e mesmo a imaxinar— as formas de facer e as pautas socioculturais que, dun xeito ou doutro, sobreviviron até os nosos días”.
A peza Redeiras Atalaia céntrase no rol da muller e a súa relación co mar ao longo do tempo, así como a súa loita por preservar e valorar un oficio artesanal de tradición secular. Con O Piueiro, o obxectivo é ir “ao medio do mar para observar A Guarda doutra hora; unha imaxe do pasado que nunca vimos, pero que si imaxinamos. Como contraste, tamén observamos a actualidade e esforzo das persoas por manter aqueles sistemas identitarios que fan parte das e dos habitantes da Guarda”.
Roteiros de experiencias
Neste ano e medio de vida do proxecto, destacan os seus impulsores, “foise tecendo un proceso creativo e colectivo que ten como fío condutor o mar, dando como resultado diferentes accións e actividades participativas que poñen en valor, visibilizan e difunden o patrimonio inmaterial local”. Así, ademais dos dous documentais tamén se deseñaron roteiros nos que se recolle todo ese patrimonio construído e sostido polas persoas que habitaron e que habitan A Guarda. Como explica a investigadora principal do proxecto, Pilar Muñoz, dúas destas “rutas de experiencias” xa están rematadas e pendentes de presentar. Son o resultado das investigacións patrimoniais levadas a cabo de forma participativa e conxugan tradición, paisaxe, gastronomía, cultura e patrimonio. Ambas xogan “coa situación xeográfica da vila mariñeira”, de modo que o río Miño, o monte Santa Trega e o océano Atlántico “preséntanse como paisaxes que custodian o territorio da Guarda”. Así, un dos roteiros centrarase na vertente atlántica da vila, descubrindo a historia das cetarias, da arghacería ou do peixe e couro, mentres que o outro percorrerá a beira fluvial, coas carpintarías de ribeira ou a pesca da lamprea.
Cara unha ruta atlántica europea
Para sacar adiante todas estas iniciativas, Pilar Muñoz destaca a importante colaboración dos colectivos e as entidades de A Guarda. “Temos que dar as grazas ao concello de A Guarda, o cal, a través tanto da Alcaldía, como da Concellería de Turismo, ofreceunos toda clase de axuda. E non nos podemos esquecer de todas esas asociacións que xa estaban levando a cabo un profundo e construtivo labor de conservación e posta en valor deste patrimonio, ligado fundamentalmente a la cultura mariñeira, entre elas, a Asociación de Redeiras do Baixo Miño Atalaia e a Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais O Piueiro”.
O proxecto rematará no mes de setembro e o reto que os investigadores teñen agora por diante é darlle continuidade. “Non podemos esquecer”, recalca Muñoz, “que estamos a falar dun proxecto europeo financiado con cargo aos fondos Interreg da Unión Europea”, no que están implicadas 36 rexións atlánticas de cinco estados europeos “coa finalidade de desenvolver experiencias turísticas baseadas no patrimonio cultural da área atlántica”. Polo tanto, as rutas de experiencias deseñadas “formarán parte dunha ruta europea, xunto con aquelas outras do resto de socios europeos do proxecto”.