Este encontro enmárcase dentro da rolda que está a desenvolver a Xunta de Galicia para tratar este asunto. Hai un mes xa se celebrou unha xuntanza coas agrupacións de ciclistas, na que se escoitaron as súas opinións e propostas para determinar unha solución que garanta unha maior seguridade viaria e satisfaga a todos os usuarios que empregan habitualmente esta estrada.
Nesta liña de diálogo, na reunión de este martes participaron os alcaldes dos municipios polos que transcorre este carril bici para analizar a configuración deste itinerario de maneira que atenda e satisfaga a todos os usuarios que empregan esta vía.
Vázquez indicou que os técnicos da Xunta xa están a estudar as posibilidades de actuación no carril, para facer compatibles os distintos usos que se lle dá a esta infraestrutura: atendendo ás demandas dos ciclistas deportistas, pero tamén tendo en conta as necesidades dos peóns e daqueles ciclistas que non realizan un uso deportivo do carril bici, e que precisan tamén de protección ante o automóbil.
A conselleira precisou que a solución técnica que finalmente se propoña deberá contar coa conformidade da Dirección Xeral de Tráfico, con quen se está a traballar de maneira coordinada, tanto no deseño deste carril bici como no desenvolvemento de campañas específicas de seguridade viaria que redunden na protección daqueles usuarios máis vulnerables: peóns e ciclistas.