A obra enmarcada na liña 1 do plan, supuxo un investimento de preto de 40.000 € a través dos cales se mellorou unha infraestrutura municipal e se configurou un novo espazo de lecer, ocio e tempo libre.
En concreto, tal e como informou o deputado provincial, “a achega da Deputación de Pontevedra permitiu á Guarda rehabilitar e construír o miradoiro do Pirún, o que permite facilitar o tránsito das veciñas e ós veciños desta zona cara ao porto e o acceso ás súas vivendas, así como crear un novo recurso turístico no concello, posto que desde este lugar temos unhas espectaculares vistas da costa da Guarda”.
Carlos Font lembrou que o Plan Concellos 2016 destinou á Guarda un total de 719.969,26 € o que supón un 30% máis que durante o 2015. Tamén subliñou o deputado que “grazas a este plan, amais das obras do miradoiro do Pirún, aprobáronse, no marco da liña 1, investimentos para impulsar o aforro enerxético na vila, mellorar o pavillón das Solanas, reparar o campo de fútbol municipal, adquirir diverso mobiliario urbano ou acometer diversas obras de mellora nos parques infantís da Guarda”.
O deputado tamén recordou que “durante o ano 2016 a Deputación de Pontevedra fixo un investimento de preto dun millón de euros na vila da Guarda, facendo que os veciños e as veciñas deste concello poidan ter unha mellor calidade de vida” e reiterou que “este Goberno provincial seguirá apostando polos pequenos concellos, que son os que máis necesitan a actuación directa da Deputación de Pontevedra”.