O centro de saúde de A Guarda sufriu este martes a caída dun falso teito na ‘sala Covid’. O incidente tivo lugar, segundo informa a CIG, en torno ás 15:30 horas. Afortunadamente non houbo que lamentar feridos pero si danos materias que obrigaron a acometer traballos de reparación “ata altas horas da madrugada”.
A CIG lembrou este mércores que a situación de “deterioro” deste centro de saúde foi denunciada “polas canles oficiais” á xerencia da área sanitaria de Vigo que asumiu o centro fai dous anos. Anteriormente o edificio, inaugurado no ano 1993, era de titularidade do Concello da Guarda e “víñase facendo o mantemento do indispensábel”. “Malia as denuncias, as obras acometidas polo Sergas desde entón non teñen abordado todas as necesidades detectadas polas traballadoras do centro, algunhas delas que supoñen, como foi neste caso, un risco grave para ao persoal e os usuarios”, expón o sindicato.
Segundo asegura a CIG, os profesionais que traballan do centro mostraron a súa “preocupación” por que unha situación semellante se poda producir con consecuencias graves, xa que momentos antes do derrubamento había traballadores facendo uso da devandita sala.
Por todo o anterior, a CIG-Saúde vén de solicitar o estudio técnico da estrutura do edificio, así como que se acometan inmediatamente todas as obras necesarias para garantir a seguridade de persoal e usuarias do centro.