A Escola Unitaria de Tabagón reabre as súas portas como símbolo de compromiso co ensino rural no Rosal e da preservación da historia educativa no municipio. Tras a súa reforma integral, o Concello inaugura este espazo emblemático do municipio que se converterá agora na sede do CRA María Zambrano, garantindo así o futuro da educación rural no Rosal.
A inauguración terá lugar este venres 15 de novembro ás 17.00 horas cun acto aberto a toda a veciñanza no que participarán a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís; o concelleiro de Educación, José Carlos Martínez Crespo; e o subdelegado do Goberno, Abel Losada, para poñer en valor o ensino rural.
A xornada contará ademais coa apertura da exposición fotográfica ‘Memorias da Escola Rural’, unha recompilación de fotografías antigas achegadas pola veciñanza na que se recollen imaxes relacionadas co alumnado das escola unitarias que marcaron o pasado educativo do municipio. Ademais, poderán verse imaxes das instalacións antes e despois de acometer as obras de reforma integral nas que se poderán ver a evolución do inmoble. A exposición poderá visitarse o propio venres 15 de 17.00 a 21.00 horas e o sábado 16 de 10.00 a 13.00 horas.
“Con esta mostra queremos recoñecer e agradecer o legado educativo de xeracións pasadas, dándolle unha nova vida a un espazo emblemático”, resalta a rexedora. Fernández Callís convida a toda a veciñanza a participar nesta xornada que contará tamén cunha chocolatada gratuíta para todas e todos os asistentes.
Exposición
O Concello do Rosal, ABANCA e Afundación inaugurarán este xoves, 14 de novembro, ás 13:00 h, na Sala de Exposicións do concello, a exposición fotográfica «Nós tamén fomos emigrantes. Fotografías da Axencia EFE sobre a emigración española no século XX». Asistirán Ánxela Fernández Callís, alcaldesa do Rosal; Beatriz Rodríguez Alonso, segunda tenente de alcaldesa; José Luis Romero Quiroga, coordinador institucional de ABANCA en Pontevedra; e Paloma Vela Garicano, coordinadora adxunta da Área de Cultura de Afundación.
Compromiso contra a violencia de xénero
«O 25N non é só unha data no calendario, é un compromiso diario contra a violencia de xénero e pola igualdade real entre mulleres e homes». Así o destaca a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, que salienta a ampla programación posta en marcha polo Concello durante o mes de novembro co que continuar revolucionando mentes ao abeiro do 25N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres.
Unha programación con charlas, teatro, proxeccións e moitas máis actividades que buscan “máis que nunca rosaleiros e rosaleiras de todas as idades se impliquen na loita contra a violencia de xénero e reflexionen sobre a importancia de erradicar a desigualdade e a violencia machista dende a base, na educación e nas relacións diarias”, como sinalou a concelleira de Igualdade, Beatriz Rodríguez.
As actividades arrancarán este xoves 14 de novembro cunha formación a familias do proxecto #SexoConSentido, un espazo informativo sobre a sexualidade na infancia e adolescencia dirixido de forma exclusiva a pais e nais no que abordar as claves para acompañar a fillos e fillas na súa educación afectivo-sexual. Durante o encontro ofreceranse pautas para fomentar unha educación afectivo-sexual saudable no fogar, resolvendo dúbidas e compartindo estratexias.
Haberá unha primeira quenda ás 16:00 h para familias con rapazada de 6 a 12 anos e outra ás 18.30 h para familias con mozos e mozas de 13 a 16 anos, aínda que se poderá acudir a calquera a pesar de que a quenda non corresponda especificamente coa etapa de fillos e fillas. Será no salón de exposicións do Concello.
Ao día seguinte, o 15 de novembro, inaugurarase un valado publicitario na rotonda da Mata ao abeiro dun proxecto financiado polo Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero e o sábado 24 de novembro será a quenda do teatro. A compañía Talía Teatro subirase ao escenario do auditorio municipal ás 19.00 horas co seu espectáculo ‘Desexo’.
O Rosal conmemorará o 25N cunha concentración ás 19.00 horas na Praza do Calvario, un acto simbólico para visibilizar o rexeitamento á violencia machista. Ao remate, terá lugar a proxección da curtametraxe para todos os públicos ‘Lurna’, de Nani Matos, coa colaboración de ACCEM, unha organización sen ánimo de lucro especializada na atención a persoas refuxiadas e en situación de vulnerabilidade.
O 28 de novembro pechamos o mes cunha nova cita cos Cafés en Igualdade, que nesta ocasión abordará da man da psicóloga Rosalía Campos a ‘Dependencia emocional’. Será ás 17:30 h no restaurante As Brasas.
Ademais, o Concello creará un espazo moi especial na biblioteca municipal, O carriño do benquerer, un lugar onde as familias poderán acceder a lecturas sobre sexualidade, afectos, diversidade, cambios corporais e relacións saudables.
Charla
Por outra banda, co obxectivo de darlle unha nova vida aos residuos orgánicos, convertendo á veciñanza en axente de cambio dende o fogar, haberá unha charla a vindeira semana.
O Concello do Rosal fai unha aposta estratéxica pola sostibilidade cunha xestión do lixo coa compostaxe como protagonista que quere estender a todos os rosaleiros e rosaleiras. Para iniciar a veciños e veciñas nas tarefas de compostar, o Concello pon en marcha ‘Dálle uso ao composteiro!’, unha charla téorica e práctica deseñada para que ensinar a todas as persoas interesadas a facer un compost de calidade e reducir así ademais a súa produción de residuos.
Esta sesión formativa terá lugar o vindeiro xoves 21 de novembro de 17.30 a 19.30 horas e comezará cunha demostración in situ no composteiro municipal situado na rúa Manuel Suárez Marquier. A actividade continuará no Centro Social Polivalente cunha charla na que afondar na parte teórica e nos detalles do proceso e resolver todas as dúbidas que poidan xurdir.