A Feira do Viño do Rosal xa está a ultimar os detalles para celebrar a súa XXIX edición. Este mesmo sábado 10 de xullo abrirase o prazo de inscrición en todas as actividades programadas para este ano, das que se poderán desfrutar en bloques horarios e con aforo limitado para garantir a seguridade das e dos participantes. “A Feira volve de forma presencial pero con toda a prudencia e contención posibles, poñendo en marcha todos os mecanismos de prevención necesarios e priorizando sempre a saúde pública”, salienta a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández.
As inscricións para as actividades que se desenvolverán na Praza do Calvario e para o roteiro polos muíños do Folón e do Picón realizaranse de xeito cómodo e sinxelo a través da web da Feira do Viño. As persoas interesadas soamente deberán encher o formulario de reserva de praza para calquera dos bloques de actividades, que serán:
- Vernes 16 de xullo
- De 20.00 a 21.00 horas entrada ao recinto. Ás 21.00 horas celebrarase o acto inaugural e darase paso ao pregoeiro, o enólogo Aurelio Vázquez Fachal. Ás 22.00 h comezará o monólogo de Sergio Pazos.
- Sábado 17 de xullo
- De 11.00 a 12.00 horas entrada ao recinto. Ás 12.00 horas poderase desfrutar do showcooking a cargo dos chef Iván Mendez e Alejandro Iglesias, unha actividade programada ao abeiro do proxecto de cooperación ‘Eurochef’ promovido pola Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eu Rural. Ás 13.30 horas será a quenda co concerto lixeiro, no que se poderá escoitar a Weli Kings mentres se degusta un viño.
- De 18.00 a 19.00 horas entrada ao recinto. Ás 19.00 h pódese desfrutar da actuación infantil a cargo de Barafunda.
- De 21.00 a 22.00 horas entrada ao recinto. Ás 22.00 horas celebrarase o concerto de The Soul Jacket.
- Domingo 19 de xullo
Durante todas as actividades poderán degustarse os viños das adegas DO Rías Baixas subzona do Rosal, pertencentes á confraría Cabaqueiros do Viño do Rosal: Aforado, Altos de Torona, Lagar de Cervera, Lagar Pedregales, Quinta Couselo, Santiago Ruiz, Adegas Novás, Terras Gauda e Valmiñor.
Ao abeiro da Feira do Viño, a confraría tamén organiza unha cata comentada de nove viños dirixida polo enólogo Aurelio Vázquez Fachal. O enólogo conta con formación no Centro Superior de Hostalaría de Galicia e cunha longa traxectoria en postos de dirección de negocios de restauración e hoteleiros. Ademais, foi gañador no ano 2012 do concurso ‘Nariz de Oro de Galicia’. A cita será o venres 16 de xullo ás 13.00 horas no restaurante Juan e para inscribirse hai que enviar un correo electrónico a confrariavinorosal@gmail.com, indicando nomes e apelidos da persoa participante. Data límite de inscrición: 15 de xullo ás 13.00 horas.
Os adegueiros tamén poñerán en marcha estes días visitas guiadas as súas bodegas. As persoas interesadas en participar teñen na web da Feira do Viño toda a información sobre días, horarios, contactos e modo de inscrición.
A Feira realizarase con todos os protocolos de prevención e restricións establecidos pola propia Xunta de Galicia para este tipo de eventos. É importante destacar que a Feira do Viño soamente poderá realizarse en caso de que o nivel de alerta epidemiolóxica no Rosal sexa medio-baixo, xa que a Xunta obriga á cancelación ou suspensión de calquera evento no caso de subir de nivel de risco.