Esta camiñada, que terá lugar o domingo 6 de outubro, é a penúltima das sete rutas programadas este ano pola institución provincial para fomentar hábitos de vida saudable e promover o turismo. O itinerario, que percorrerá os concellos da Guarda e do Rosal, desenvolverase pola mañá e pola tarde.
Así, na ruta da mañá, as persoas participantes percorrerán a localidade pesqueira da Guarda e o espectacular Monte de Santa Tegra. Despois do xantar, desprazaranse ao veciño concello do Rosal, para realizar a Ruta dos Muíños do Folón. Para facilitar a participación na ruta, a Deputación de Pontevedra habilita autobuses que sairán dende a Praza de Galicia de Pontevedra e da Praza de España de Vigo.
Despois desta cita, as DepoAndainas chegarán ao seu remate este ano coa que terá lugar o día 12 de outubro pola ruta da Pedra e da Auga, no concello de Ribadumia. Para este itinerario a institución provincial abrirá o prazo de inscrición o vindeiro luns, 30 de setembro.