Un estante que agocha mil historias que contar. O Concello acaba de poñer en marcha o Andel dos libros libres, unha iniciativa destinada a fomentar a lectura entre a veciñanza poñendo a disposición de rosaleiros e rosaleiras libros de todo tipo e de balde. Situado nos soportais da Casa do Concello, este andel transformará a lectura nunha actividade comunitaria, facilitando o acceso á cultura.
Os diferentes volumes dispoñibles no andel proceden principalmente de doazóns anónimas e están ao alcance de calquera persoa interesada en lelos. Veciños e veciñas poden coller os libros libremente para levalos a casa e ou ben devolvelos despois de lelos ou ben quedar con eles e cambialos por outros exemplares que teñan na casa e que desexen compartir. Unha dinámica sinxela e aberta que promove non só a lectura, senón tamén o intercambio e a conexión entre a veciñanza.
Os andeis dos libros libres forman parte da paisaxe cultural de moitas cidades e pobos de toda Europa, pero tamén do Rosal. No municipio cóntase cun precedente inspirador, unha experiencia semellante levada a cabo por unha veciña de Caselas que instalou un andel para o intercambio de libros no lavadoiro do barrio.
O concelleiro de Cultura, Carlos Villanueva, amosou a ledicia do Concello por ver “como esta iniciativa toma forma. A lectura é fundamental para o desenvolvemento persoal e cultural e con este andel queremos facer que os libros sexan máis accesibles para todas e todos”.
Pola súa banda, o concelleiro de Xuventude, Alejandro González, resaltou a importancia de ver “como a comunidade pode colaborar e compartir os seus recursos. Este andel tamén reflicte o espírito de solidariedade e colaboración entre a veciñanza. Animamos a todos os rosaleiros e rosaleiras a que lle dean a esta iniciativa a grande acollida que merece”.
Con esta acción, o Concello reafirma o seu compromiso co fomento da cultura e da lectura e xa está a traballar para facer extensiva a iniciativa a outros espazos como o centro de saúde, o auditorio municipal ou outros centros públicos do concello.
Outras actividades culturais
O Concello programa unha serie de actividades culturais esta semana que comezan este mércores coa inauguración dunha mostra itinerante e una charla sobre a mesma, seguen o xoves coa última das charlas dos Faladoiros no Xardín e rematan o vernes coa representación no auditorio municipal da obra dos alumnos da Aula de Teatro.
Exposición fotográfica RURALtXA!
Conectar á veciñanza co medio ambiente. Ese é un dos obxectivos da exposición fotográfica RURALtXA!, unha mostra itinerante que chegará ao Rosal este mércores 26 de xuño e que arrancará cunha charla de presentación ás 20:00 horas aberta a todos os públicos.
Ata o vindeiro 10 de xullo e a través dun percorrido visual, a exposición dará a coñecer os valores das turbeiras e queirogais e as actividades tradicionais que sustentan estes hábitats, explorando as relacións entre as xentes e o medio ambiente e destacando flora, fauna e hábitats.
O Concello do Rosal acolle esta mostra que se celebra ao abeiro do proxecto RURALtXA!, unha iniciativa que ten por obxectivo impulsar a bioeconomía rural, revalorizando os usos tradicionais do monte e a gandaría extensiva de montaña ao tempo que promove a conservación da biodiversidade, con especial atención ás turbeiras e aos queirogais.
Este proxecto é un esforzo conxunto das universidades da Coruña e Santiago de Compostela en colaboración coa fundación HAZI e co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico ao abeiro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia financiado con fondos europeos NextGenerationEU.
RURALtXA! lévase a cabo en catro áreas galegas e cinco vascas. En Galicia trabállase en espazos da Rede Natura como a Serra do Xistral e Monte Maior en Lugo, así como noutras áreas de montaña como a Serra da Faladoira na Coruña e a Serra da Groba no Baixo Miño. Precisamente nesta última zona o proxecto enfócase na conservación das áreas de queirogal e do sistema tradicional de cabalos salvaxes no monte, así como das turbeiras.
Estes queirogais dependen precisamente dos cabalos salvaxes e da gandaría extensiva para o seu mantemento e conservación, polo que a perda destas actividades tradicionais pon en risco a supervivencia deste valioso ecosistema de montaña. Co impulso e posta en valor das actividades agrogandeiras tradicionais con exposicións como a que acolle estes días O Rosal búscase contribuír ao mantemento destes hábitats de interese comunitario.
Como sinala a concelleira de Medio Ambiente, Beatriz Rodríguez, a exposición RURALtXA! ofrece unha oportunidade única para entender a importancia da bioeconomía rural e a conservación da biodiversidade, destacando como as actividades humanas tradicionais poden harmonizarse co medio ambiente para un futuro sostible.
Orgullo nos ‘Faladoiros no Xardín’
O Rosal pecha os ‘Faladoiros no Xardín’ visibilizando, explorando e apoiando a diversidade máis que nunca. Na véspera do Día Internacional do Orgullo LGBTIQ, o Concello celebra a última sesión deste ciclo de charlas distendidas que ao longo do mes de xuño permitiu xerar espazos seguros para avanzar cara a un municipio máis xusto, respectuoso e inclusivo.
Este xoves 27 de xuño o ciclo baixará o pano da man de Outrora S. Coop. Galega e a súa charla ‘Medrando con orgullo, desterrando a LGTBIQfobia’, un encontro aberto a todos os públicos para loitar contra os prexuízos e unha oportunidade de aprender, compartir experiencias e fortalecer o compromiso coa diversidade e o respecto a todas as persoas.
Como sinala a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, “a nosa misión é asegurar que todos os veciños e veciñas se sintan seguros e valorados, independentemente da súa identidade. Por iso este tipo de actividades son esenciais para avanzar cara a unha comunidade onde a diversidade sexa celebrada e a discriminación non teñe nunca cabida”.
Con esta charla, que se celebrará ás 20:30 horas no xardín traseiro da Casa Consistorial, o Concello reafirma o seu compromiso con políticas inclusivas, xerando espazos de reflexión e aprendizaxe e tecendo redes de apoio e solidariedade.
Aula Municipal de Teatro do Rosal
A Aula Municipal de Teatro do Rosal baixa o pano cun espectáculo de altura. O alumnado despedirá esta semana o curso subíndose ao escenario para representar ‘Vila Marabilla’, unha obra teatral que é o resultado final dun intenso curso académico no que as e os participantes traballaron sobre as raíces e a identidade, sobre a creación de personaxes e a construción dun espectáculo en todas as súas dimensións con todos os elementos que o conforman.
Baixo a dirección de A Artística Teatro e Danza, ‘Vila Marabilla’ constrúe un universo no que a expresión, a creación e a reflexión, sempre en clave de humor, son os alicerces fundamentais. O resultado é un espectáculo froito da creación colectiva inspirado en textos de destacados autores como Paula Carballeira, Celso Emilio Ferreiro, Jesús Castro Yáñez, Rosalía de Castro, Lewis Carrol e Edmond Rostand.
Deste xeito, ‘Vila Marabilla’ presentará ao público a viaxe de Alicia nun país de marabillas na procura da identidade, das raíces e do tempo. Unha reflexión sobre a vida no rural a través dun universo de fantasía que ofrecerá ás e aos asistentes unha experiencia única.
A representación será este venres 28 de xuño ás 21.00 horas no auditorio municipal do Rosal con entrada libre ata completar aforo. O Concello convida a toda a veciñanza a asistir a esta representación e compartir co alumnado unha noite de teatro que promete ser inesquecible.