O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destaca o impulso á mellora da seguridade viaria na rede de estradas provinciais que está a levar a cabo o executivo provincial nunha visita ao Concello do Rosal para comprobar o remate da obra de construción dunha senda peonil na EP-3303 entre as localidades de Tabagón e Goián que supuxo un investimento de 740.000 euros financiados integramente pola Deputación e que, segundo anunciou o dirixente, terá continuidade cunha terceira fase para completar toda a estrada. “Trátase dunha actuación importante que pon de manifesto a filosofía. Tanto no ano 2024 como no 2025 estamos continuamente falando de melloras na rede viaria da Deputación. E este é un claro exemplo do que promovemos, que é a modernización das estradas provinciais e dotar a todos os usuarios, peóns e vehículos, da seguridade que conleva unha actuación deste calado”, afirmou o presidente provincial, que visitou a obra xunto coa deputada de Infraestruturas, Belén Cachafeiro, e a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández.
A actuación centrouse entre os puntos quilométricos PQ-795 e 3+600, nun treito de 1.800 metros de lonxitude, e consistiu na construción dun itinerario peonil na marxe dereita do viario, así como a pavimentación da totalidade da estrada, coa creación dunha zona de convivencia de prioridade peonil e a mellora de todos os servizos de recollida de augas pluviais e alumeado. “”Unha actuación que veu precedida das tan necesarias cesións. E quérollo agradecer aos titulares dos terreos por dar esas facilidades e grazas a eles se fixo realidade esta senda”, recoñeceu o presidente López.
“Esta é a definición dun cambio para a mellora da calidade de vida da veciñanza. Agardamos seguir tendendo pontes coa Deputación”, declarou a alcaldesa Ánxela Fernández despois de completar a visita a esta reformada estrada do Rosal. Neste sentido, o presidente Luis López amosou tamén a súa satisfacción pola colaboración para facer realidade esta obra e adiantou que o ente provincial executará a terceira fase da obra para completar a senda peonil ao longo de toda a estrada entre as localidades de Tabagón e Goián.
Así mesmo, detallou o mandatario provincial o apoio previsto pola Deputación ao Concello do Rosal para este ano a través dos plans +Provincia, Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas e o Plan Extra, polo que O Rosal recibirá ata un máximo de 700.000 euros, que destinaría á reforma interior do auditorio municipal. Neste punto, matizou López que o goberno provincial eliminou unha cláusula implantada na época do goberno anterior que penalizaba ao Concello se conseguía subvencións de outras administracións que non foran a Deputación. “Iso non ten que ser así”, afirmou o presidente. “Optar a estes fondos non implica penalizar fondos doutra administración. E O Rosal foi un claro exemplo, se conseguían fondos doutra administración se lle retraía ao Concello”, explicou López.
“Seguimos avanzando para facer unha provincia extraordinaria da man dos alcaldes e alcaldesas para que sexamos un referente na rehabilitación de infraestruturas”, concluíu o presidente Luis López.