O Rosal prepárase para conmemorar o Día das Letras Galegas con moita música, deporte e lecer durante toda a xornada. A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, convida a toda a veciñanza “a desfrutar das actividades coas que homenaxear á escritora Luísa Villalta e á nosa rica herdanza cultural e lingüística, celebrando a nosa identidade”.
O día comezará co XII Torneo Memorial Iago Ameal, unha interesante xornada de fútbol 8 organizada pola UD Ribera en colaboración co Concello na que se darán cita máis de 240 rapaces. O campo de fútbol da Mata acollerá este torneo das categorías benxamín e alevín no que participarán ademais da propia UD Ribera, o AD Tomiño, o Gondomar CF, o Gondomar FB, o Coruxo FC, o Club Louro Tameiga e o CF Oiense.
A xornada arrancará cunha liguiña entre equipos ás 09.15 horas. Ás 17.00 horas chegará a quenda das semifinais, con actuación ás 18.20 horas e final ás 18.45 h. O torneo pecharase coa entrega de premios e a cerimonia de clausura ás 19.15 horas.
A Comisión de Festas de San Xoán Martín-Visodoseidos tamén aposta por un Día das Letras Galegas con deporte e lecer como protagonistas. Será coa XII Andaina ‘Á beira do río Carballas’, un percorrido circular de dificultade media-baixa con saída e chegada ao aparcamento dos muíños do Folón e do Picón.
Ao remate da ruta haberá comida con callos e choripán de menú por 10 euros, así como servizo de cantina a prezos populares.
As persoas interesadas en participar deberán inscribirse ata este 15 de maio na páxina de Facebook de Festas San Xoán Martín-Visodoseidos ou nos teléfonos 679 063 438 (Julio), 686 482 832 (Mingos), 636 588 060 (J. Manuel), 617 341 053 (Pablo), 649 019 104 (Riky) ou 619 739 254 (J. Ángel).
O Concello rematará o Día das Letras Galegas con acto dobre: por un lado, o recibimento e recoñecemento á canteira da UD Ribera polo seu ascenso nas categorías infantil, cadete e xuvenil e, por outro, concerto de balde de Los Jinetes del Trópico a partir das 21.00 horas na Praza do Calvario.