Música e gastronomía mestúranse no Rosal nun novo evento con espírito de continuidade.
Nace o Orballo Fest, un festival organizado polo Valinox Novás co que colabora o Concello e que levará á Praza do Calvario música electrónica e de diferentes ritmos e que permitirá ademais ao público explorar a gastronomía local.
O concelleiro de Deportes, José Carlos Martínez Crespo; o presidente do Valinox Novás, Andrés Serra; e a representante da Xunta Xestora, Conchi Alonso, participaron na presentación da primeira edición dun encontro que se celebrará o vindeiro sábado 23 de marzo a partir das 21:00 horas con entrada libre.
Durante a noite, os asistentes poderán desfrutar da música de Pitty, DJ Charlie, Diego Wass, DJ Pantxo, DJ Joselete, La Mosca Valiente e Wonder Kaos, ademais de gozar da gastronomía, de coctelería e de numerosas sorpresas.
O festival de música complementarase ademais con sorteos que a organización realizará nos días previos ao Orballo Fest a través das súas redes sociais e que que incluirán premios como unha cea no restaurante Gula, unha sesión de fisioterapia con Javier Durán ou un pack de merchandising do propio Valinox Novás.