As alcaldesas e os alcaldes do Rosal, Tomiño, Tui e A Guarda mantiveron unha nova reunión virtual esta semana no marco da Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño para analizar o efecto que ten nestes catro municipios o peche das fronteiras entre España e Portugal. Todos estes concellos contan cun alto número de traballadoras e traballadores que cada día deben cruzar o río Miño para acudir ao seu posto no país veciño. Por este motivo, reclaman a apertura de novos pasos fronteirizos para o persoal laboral como medida de alivio, permanecendo pechadas á libre circulación de persoas.
Avogan por esta medida como unha mellora das condicións de todos aqueles traballadores e traballadoras que sofren por partida dobre a pandemia ao vivir e traballar nun dos territorios transfronteirizos máis interrelacionados e economicamente máis dinámicos de toda Europa, xa que asume o 49% de todos os tránsitos de vehículos e persoas entre España e Portugal.
A situación actual que están a vivir moitos veciños e veciñas é complicada, con longas ringleiras para poder cruzar a fronteira cada día e con percorridos de máis de 60 quilómetros entre ida e volta para poder chegar as empresas ou polígonos que antes do estado de alarma e emerxencia en España e Portugal estaban a escasa distancia dos seus domicilios. Incremento de molestias, tempo de desprazamento e tamén custes que en moitos casos no se poden asumir con salarios baixos.
As alcaldesas e alcaldes da Mancomunidade están convencidos da necesidade de abrir novos pasos fronteirizos a traballadores e traballadoras, aínda que sempre baixo os máis estritos medios de control e seguridade, mantendo o operativo que xa se está a desenvolver no paso de Tui-Valença dende o inicio da crise sanitaria, garantindo así a seguridade da poboación e evitando un paso atrás que nos leve de novo a medidas de confinamento.