A música non deixou de soar no Rosal este verán, polo que esta época cargada de concertos non podía pechar doutra forma que coa celebración da XXXIII Edición doFestival Músicos Xoves, cos seus respectivos encontros de bandas e corais.
Este veterano evento busca servir de punto de encontro para músicos de diferentes territorios, e está organizado pola Agrupación Musical do Rosal, en colaboración co Concello do Rosal, coa Comunidade de Montes do Rosal e coa Fundación O Rosal.
A primeira das citas, o Encontro de Bandas, terá como escenario a Praza do Calvario, e dará comezo ás 20.30h do sábado. Nela reuniranse a Agrupación Musical de Goián e a Banda Municipal de Caldas de Reis, que acaba de acadar o primeiro premio na segunda sección do Certame Internacional de Bandas de Música “Ciudad de Valencia”. Pola súa parte, a Banda da Agrupación Musical do Rosal será a encargada de pechar a xornada cun programa que servirá de preparación para o XVII Certame Galego de Bandas de Música Populares que terá lugar en outubro en Pontevedra.
Cabe destacar que, en caso de choiva, o Encontro de Bandas será trasladado ao Auditorio Municipal.
Xa o domingo, terá lugar o Encontro de Corais, e será nesta ocasión a Igrexa de Santa Mariña a encargada de acoller ás voces das tres agrupacións participantes. Nesta ocasión, poderase gozar da Coral Polifónica de Vila Praia de Áncora (Portugal), o Coro Xuvenil Sauti Yangu Tu (Guntín, Lugo) e da Coral da Agrupación Musical do Rosal, que actuará en casa nun evento que dará comezo ás 20.00h.
Ambas actividades serán abertas ao público e de balde, reafirmando así o compromiso existente no Rosal pola cultura accesible e ao alcance da veciñanza.
Doazón de sangue
Por outra banda, O Rosal finaliza agosto coa visita dunha unidade móbil da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS), que estará no concello o vindeiro luns 26 á disposición daquelas persoas que queiran achegar a súa pinga de solidariedade.
Como de costume, o autobús situarase na rúa Ramón Franco número 4, e permanecerá aberto en horario de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00 horas. Todas aquelas persoas que desexen obter máis información poderán solicitala no teléfono gratuíto 900 100 828.
Poderán doar as persoas que teñan máis de 18 anos e pesen máis de 50 kg e deberán ir despois de almorzar se acoden pola mañá ou dúas horas despois de xantar ao mediodía se acoden pola tarde. É importante tamén non esquecerse a tarxeta de doazón, o DNI ou algún documento similar e informar ao médico no caso de estar tomando algún medicamento.
A Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos, ademais das 10 unidades móbiles que despraza cada día, mantén abertos sete puntos fixos nos principais hospitais galegos na procura de doazóns de sangue que despois son procesadas e preparadas para atender as necesidades diarias de milleiros de doentes os 365 días do ano. Os hospitais galegos precisan ente 400 e 500 doazóns de sangue cada día, arredor de 10.000 ao mes, para garantir a asistencia a todas as persoas que o necesitan, polo que a colaboración da cidadanía é fundamental.
Bolsa de emprego
Dende o Concello do Rosal se acaba de poñer en marcha un proceso selectivo para a formación dunha bolsa de emprego para o posto de oficial de obras mediante sistema de oposición.
O obxectivo desta convocatoria é “dispoñer dunha listaxe de traballadoras e traballadores que nos permita cubrir as necesidades temporais de persoal que poidan xurdir, como cubrir baixas, vacacións, permisos ou o reforzo puntual do servizo por aumento de traballo. Deste xeito podemos garantir o bo funcionamento de tódolos servizos administrativos municipais”, destacou o concelleiro de Vías e Obras, Germán Fernández Rodríguez.
As persoas interesadas en participar neste proceso deberán achegarse ata o Concello do Rosal, onde se lles facilitará a información correspondente para formar parte do proceso selectivo. O prazo para isto será o vindeiro luns, día 26, este incluído.
Cabe mencionar que, as e os candidatos deberán estar en posesión ou en condicións de obter, na data en que remate o prazo de presentación de instancias, a titulación de Educación Secundaria Obrigatoria (E.S.O.) ou equivalente. Ademais, é indispensable tamén estar en posesión ou en condicións de obter antes do remate do prazo de presentación de instancias o CELGA 3, así como o carné de conducir tipo B.