A actividade do Programa Universitario de Maiores da Universidade de Vigo sae das aulas para achegarse ao colectivo sénior do Rosal e do Baixo Miño, promovendo por uns días a formación entre as persoas de máis de 55 anos. “Nunca é tarde para formarse. É moi importante facilitar ás persoas adultas o seu desenvolvemento persoal e social e promover a ciencia e a cultura entre elas, teñan titulación universitaria ou non”, explica a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, que nos vindeiros días asinará un convenio de colaboración coa universidade viguesa para o desenvolvemento destas actividades.
En total serán seis seminarios divididos en tres temáticas diferentes que se impartirán de balde e con acceso libre no Centro Social Polivalente entre o 31 de agosto e o 15 de setembro. Así, a profesora Elisa Pereira García será a encargada de achegar ás persoas asistentes ao mundo da arte e da historia cunha sesión divulgativa sobre o patrimonio do concello rosaleiro o mércores 31 de agosto de 16.30 a 18.30 horas que rematará cunha visita aos petróglifos do Ghorghalado e á Capela da Madalena o xoves 1 de setembro de 16.30 a 19.30 horas.
O seminario relacionado coa tecnoloxía e o uso de ferramentas no teléfono móbil será impartido polas docentes da Escola de Enxeñería Industrial de Vigo María Rodríguez Damián e Amparo Rodríguez Damián. O mércores 7 de setembro (de 16.30 a 19.00 horas) traballarán con todas e todos os asistentes de forma teórico-práctica sobre a configuración básica do teléfono móbil, o uso de Whatsapp, as videochamadas, as lecturas de códigos QR e as aplicacións de banca electrónica e pago. Ao día seguinte, a sesión centrarase en outras aplicacións como os calendarios de vacinación e medicacións, a petición de citas médicas, a localización de persoas. Este seminario impartirase de 16.30 a 19.00 horas.
O programa rematará a súa visita ao Rosal cun seminario sobre saúde e benestar no que José Luis García Soidán, profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, falará sobre a contorna natural e a alimentación o mércores 14 de setembro de 16.30 a 18.30 horas. O colofón final será unha ruta cardio-saudable o xoves 15 de setembro de 16.30 a 19.30 horas dende a bodega Lagar de Cervera, en Fornelos.
O obxectivo desta iniciativa é “achegar a Universidade e os seus estudos tamén ás persoas maiores que viven no rural e que non puideron acceder no seu día á universidades ou xente que si o fixo pero que quere aprender cousas novas ou reciclarse”.