A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Rosal continúa coas accións de denuncia do progresivo desmantelamento do servizo de Atención Primaria no municipio. A plataforma ten en marcha unha campaña de recollida de sinaturas pedindo que se tomen medidas ante o progresivo deterioro do servizo que se entregarán nos vindeiros días na delegación da Consellería de Sanidade e na xerencia do Sergas.
As persoas interesadas en asinar poden acudir a calquera dos nove puntos habilitados no Rosal: na Casa do Concello, na Liga de Amigos, en Cómplices, en Exclusivas Alonso (“A da Luisa”), no mercado municipal, en A Nosa Terra (Novás), na Tenda da Rotea (Novás), en As Brasas (San Miguel) e na Sociedade de San Miguel. Dende a plataforma anímase a toda a veciñanza a participar e deixar a súa sinatura nos pregos, demostrando así o seu descontento coa situación sanitaria actual no municipio.
As deficiencias nas instalacións e a falta de medios son unha constante no centro de saúde do Rosal, que este mesmo xoves 8 de xullo contaba con tan só unha médica pasando consulta. A Plataforma colocou un cartel no taboleiro deste centro no que se vai actualizando a información diaria sobre o persoal de servizo esa xornada, o que deixa de manifesto as carencias que está a sufrir.
Dende a Plataforma tamén quérese dar as grazas a todos os veciños e veciñas e a todos os establecementos que están a colaborar para loitar contra a continua precarización do servizo de Atención Primaria no Rosal e no Baixo Miño.