Crear un espazo vivo e con futuro para dinamizar O Rosal, apostando pola economía de proximidade e dándolle un valor engadido á futura Praza do Calvario. Este é o obxectivo co que o Concello pon en marcha as obras de remodelación do Mercado municipal, que acaba de comezar a súa segunda fase. A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, visitou hoxe cos deputados Iria Lamas e Gregorio Agís o espazo no que xa se están realizando os primeiros traballos.
“Continuamos construíndo O Rosal das persoas. Con estas obras queremos que o noso mercado sexa un lugar de encontro, un novo espazo no que a veciñanza poida desfrutar do lecer e das actividades que se realicen nel, pero tamén no que gozar da gastronomía do noso concello”, explica a rexedora.
O Concello pon en marcha así a segunda fase dun proxecto que busca tamén “valorizar o produto fresco que hai na nosa praza de abastos, seguindo a liña dos Mercados de Excelencia, con espazos adaptados aos novos hábitos das e dos consumidores e vinculados ao territorio”.
Con esta segunda fase da renovación ampliarase o Mercado cun novo edificio anexo ao actual, que albergará unha zona de degustación, con área de restauración e comida para levar e espazos de exposición, reunións e formación. Este anexo conectará co edificio actual, axeitándose á morfoloxía do inmoble xa existente co fin de acadar unha imaxe propia unificada do proxecto, aínda que cunha linguaxe construtiva moderna, baseada na reinterpretación do estilo industrial empregada comunmente nos invernadoiros de principios do século XX. O aceiro, a madeira e o azulexo combinaranse nas diferentes estancias para darlle calidez ao espazo como nexo común entre os dous edificios.
O edificio, de dúas alturas, acollerá na planta baixa a zona do local, de consumo e mostras. Contará cun espazo de emprendemento e posto de comida para poñer en valor os produtos da contorna, un local que será tamén punto de encontro, espazo de cursos e degustacións gastronómicas e zona de exposición e lecer. Mentres, o primeiro andar contará cunha sala de lecer e usos múltiples que poderá acoller exposicións municipais. Na zona posterior haberá unha nova terraza xardín na que a horta estará presente achegando un carácter unificador.
As obras contan cun investimento de case 400.000 euros financiados pola Deputación de Pontevedra ao abeiro do Plan Concellos.