O que queda de outubro e o mes de novembro veñen cargados de cultura no Rosal. O Concello deu a coñecer a súa axenda de outono con máis de dez propostas para todos os públicos. A alcaldesa, Ánxela Fernández, mostrouse “moi contenta” de presentar unha axenda “que recoñece o noso patrimonio e o traballo histórico dos cabaqueiros do Rosal”, ademais de “dinamizar de forma segura a cultura do noso pobo”.
O consistorio organiza un ciclo de xornadas para poder descubrir o patrimonio do Rosal. O 29 de outubro ás 19.30 horas a mestra e escritora, Adela Leira, dará a conferencia ‘Sobre o barro e as telleiras’. O 30 de outubro ás 18.00 horas ofrecerá na praza do Calvario unha mostra de traballo da tella coa participación dos cabaqueiros do Rosal.
Xa o 19 de novembro ás 19.30 horas haberá unha formación para coñecer ferramentas informáticas para o estudo de petróglifos no sur de Galicia cunha posterior visita aos xacementos do concello ás 21.00 horas. Unha semana despois, o 26 de novembro, o Concello organiza unha charla sobre arqueoloxía e astronomía ás 19.30 e unha saída para observar as estrelas ás 21.00 horas.
O teatro tamén será protagonista da axenda. Ata catro compañías visitarán o Auditorio Municipal os domingos ata finais de novembro. A primeira en chegar será a obra ‘Estrafalaria’ o día 24 ás 19.00 horas, o 31 a mesma hora será a quenda da produción ‘Rosalía’, o 14 de novembro chegará ‘Estrela do Día’ ás 19.00 horas e, finalmente, o domingo 28 ‘A pluma viva de Rosalía’ rematará o ciclo teatral tamén ás 19.00 horas. “Será un outono para desfrutar do teatro no noso Auditorio”, conclúe a rexedora.
A axenda tamén recolle unha exposición do ilustrador, pintor e escultor Ramón Trigo no Salón de Exposicións do Concello dende o 5 ata o 20 de novembro, e un obradoiro de adornos caseiros o vindeiro día 19 de novembro ás 17.00 horas no Espazo de Autoarranxo con inscrición previa no Concello.