O Rosal continúa dando pasos para converterse nun municipio accesible e inclusivo para todas as persoas. O Concello acaba de adquirir unha cadeira todo terreo para que a xente con mobilidade reducida poida realizar as sendas naturais da contorna. Manuel Sobrino e persoas da asociación San Xerome Emiliani foron os primeiros en probala nunha pequena ruta pola Explanada do Horizonte, na que estiveron acompañados da alcaldesa, Ánxela Fernández.
Esta primeira xornada estivo destinada a coñecer e a probar a cadeira e foi, en palabras da rexedora, “unha experiencia moi positiva” grazas “ao bo facer de Manuel e dos rapaces e monitores da asociación”. Con este sistema, o Concello pretende crear un servizo permanente para que as persoas con mobilidade reducida poidan facer sendeirismo de xeito programado acompañado dun equipo de voluntarios e voluntarias que xa se están a procurar.
Para a alcaldesa, esta adquisición “é un paso máis cara a inclusión integral que o Concello comezou co proxecto Cocreando Sociedade”. Explica que, agora, soamente falta coñecer máis e mellor o seu funcionamento en distintos escenarios. Na seguinte xornada de proba Manuel percorrerá a ruta dos muíños do Folón e do Picón.
A cadeira todo terreo conta soamente cunha roda e con dous elementos de agarre, un traseiro e outro dianteiro. A persoa que a utilice debe ir acompañada de polo menos dúas persoas, xa que unha debe asegurar o seu equilibrio e outra encargarse da tracción e da dirección. Durante a xornada da Explanada do Horizonte tanto Manuel, como as persoas usuarias da asociación, e o equipo de goberno puideron comprobar de primeira man o mecanismo de funcionamento da cadeira e xa están listos para rutas con maior grao de dificultade.
Esta aposta polo sendeirismo inclusivo enmárcase dentro do proxecto Cocreando Sociedade, co que O Rosal trata de estreitar lazos entre tecido asociativo, administración local e entidades que traballan a prol da diversidade para deseñar de forma conxunta estratexias e iniciativas inclusivas.