A ‘Explanada do Horizonte’ xa está lista para o uso e desfrute da veciñanza do Rosal. O Concello xa recibiu a obra finalizada dun proxecto de reforma integral e mellora paisaxística que permitiu dotar a Portecelo dunha nova área de esparexemento e acondicionar o tramo do Camiño de Santiago pola Costa que pasa ao longo do municipio. O acto de inauguración oficial desta nova zona de lecer deseñada pola arquitecta rosaleira María Fandiño celebrarase en vindeiras datas.
“Para nós é un orgullo poder contar con María Fandiño neste proxecto, unha arquitecta recoñecida polo seu traballo paisaxista que está acadando numerosos premios a nivel internacional”, salientou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís. “Non podemos deixar de agradecer a implicación da veciñanza de San Xian e Portecelo, da comunidade de montes do Rosal e da traída de augas, así como do dono do petróglifo do Lapón. Sen a súa colaboración non sería posible sacar este proxecto adiante”, explica a rexedora.
Tras meses de traballo administrativo para conseguir as autorizacións necesarias para o desenvolvemento da obra, dende esta mesma semana veciñanza pode desfrutar nesta zona dunha área de descanso, dun merendeiro, dun miradoiro e dun aparcamento. Todo acondicionado co obxectivo de poñer en valor a paisaxe, recuperar os ecosistemas da zona e rexenerar as áreas de descanso dun tramo que consta de elementos naturais que o converten nun conxunto único en Europa.
Neste tramo do Camiño de Santiago non existían paradas para peregrinos, polo que a ‘Explanada do Horizonte’, chea de refugallos dende os anos 70, converterase dende agora nun punto neurálxico ao situarse á metade da ruta ao seu paso polo Rosal. A través deste proxecto creouse un miradoiro ao mar e á Serra da Groba e mellorouse a calidade ambiental da zona, repoboándoa con especies autóctonas, eliminado o recheo e creando novas terrazas de pedra que servirán para novos usos.
A ‘Explanada do Horizonte’ será unha ferramenta coa que potenciar tamén o Camiño de Santiago, xa que nela márcanse os puntos de parada onde o valor paisaxístico é maior, potenciando a repoboación de arborado e sinalizando elementos culturais situados na contorna, como o petróglifo Laxe do Lapón.Este proxecto vén de ser distinguido cun dos Premios Gran de Area 2020 de Aportación á Arquitectura, unha aposta do Colexio de Arquitectos de Galicia para o recoñecemento do traballo de arquitectos, promotores, aparelladores e construtores nas obras e proxectos de calidade desenvolvidos nas demarcacións de Vigo, Ourense e Pontevedra.
Estes galardóns recoñecen obras que axudan a mellorar a contorna e sexan expresión da cultura arquitectónica e dos valores colectivos desta sociedade e deste tempo. Dende o Concello quérese felicitar unha vez máis á arquitecta do proxecto, María Fandiño, polo gran traballo feito na revalorización e mellora deste espazo.