Máis polo miúdo, a presidenta da Deputación resaltou a importancia de levar a cabo iniciativas coma esta “que poñen en valor unha profesión da nosa historia como é a de canteira e canteiro, e que lle dan visibilidade a ese traballo en pedra nos nosos pobos”, e engadiu que “xa estamos a planificar facer outras exposicións con diferentes motivos para seguir levando a cultura da pedra polo noso territorio”. A mostra da Escola de Cantería acaba de rematar o seu percorrido pola provincia e debido á súa boa acollida entre a cidadanía e o interese dos concellos, decidiuse doar as pezas escultóricas que forman parte da exposición. Así, O Rosal recibirá a escultura do “Gaiteiro”, para Oia irá o “Ferreiro”, ao concello de Cambados entregaráselle a “Muller dando o peito”, A Guarda recibirá a “Muller despedíndose”, Caldas de Reis o “Canteiro”, a Mos doaránselle dúas esculturas: “Home de pé co seu fillo” e “Maleta”, e, para rematar, Silleda recibirá a escultura do “Abrazo”.
“Nado en pedra” é unha mostra itinerante cuxa finalidade é pór en valor os traballos realizados dende a Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra. A exposición componse dunha vintena de pezas de gran tamaño, algunha delas de máis de 1.000 quilos de peso, que teñen por temática central a figura humana. Algunhas das esculturas amosan oficios tradicionais da nosa terra como a ferrería, a costura ou a propia cantería, mentres que outras se centran en estampas da vida cotiá. A mostra percorreu con gran éxito algúns concellos da provincia, como Caldas de Reis, A Guarda, Pontevedra, O Rosal, Nigrán, Silleda e Cambados ou tamén o concello de Santiago de Compostela na provincia da Coruña. Igualmente pasou por Vigo “Nado en pedra. Formas e figuras”, unha iniciativa similar pero centrada non tanto en figuras humanas senón, como indica o seu nome, en formas e figuras humanas pero tamén de obxectos, cousas ou animais.
Os traballos do alumnado e do profesorado da Escola de Cantería xa deixaron pegada no patrimonio arquitectónico popular de Galicia e de todo o mundo: Fortaleza (Brasil), Maracaibo (Venezuela), Manila (Filipinas), La Paz (Bolivia), Nova York (EEUU), Nicaragua, Querétaro (México), Río Gallegos e Bos Aires (Arxentina), Montevideo (Uruguai), Chile, Cuba, Alemaña, Francia, Suíza, Romanía e Portugal. Tamén son numerosos as alumnas e alumnos que forman parte dos equipos de restauración de emblemáticos edificios históricos como son A Sagrada Familia, a catedral de Santiago de Compostela, a catedral de Westminster, así como obras de recuperación do Capitolio en Washington.