O Concello do Rosal pechou a súa participación no Programa de Maiores da Universidade de Vigo cun éxito absoluto de inscritos e inscritas e cunha gran satisfacción por parte de todos eles e elas. En total, 36 persoas participaron nestas xornadas deseñadas para achegar a formación, a ciencia e a cultura á poboación rural de máis de 50 anos. Unha cifra que salienta o grande interese dos rosaleiros e rosaleiras por este programa, xa que, como salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, “O Rosal rexistrou o maior número de participantes de todos os concellos que forman parte deste programa da Universidade de Vigo”.
Unha alta participación que se combina co gran grao de satisfacción entre todos os participantes nesta formación artellada arredor de tres seminarios, o primeiro deles sobre arte e historia, centrándose no patrimonio do propio concello, como os petróglifos do Ghorghalado ou a capela da Madalena. No segundo as e os asistentes aprenderon a usar ferramentas e aplicacións do teléfono móbil, como os códigos QR ou aplicacións sanitarias ou de banca. O curso rematou cunha sesión formativa e outra práctica sobre saúde, benestar e alimentación que incluíu un roteiro cardio-saudable.
A rexedora agradece a implicación da Asociación de Maiores do Rosal neste programa e noutras actividades postas en marcha no Concello. Ademais, valora moi positivamente o impacto que iniciativas como o Programa de Maiores da Universidade de Vigo ten nun municipio de 6.400 habitantes. “Queremos que este tipo de formación para as nosas e nosos maiores volva ao noso concello. Dende o Concello xa lle avanzamos ao reitor, Manuel Reigosa, e á Universidade de Vigo o noso interese por seguir traballando man a man e repetir experiencia ou incluso poder impartir unha formación máis ampla ao longo de todo un ano”, recalca Fernández Callís.