Os traballos que se están desenvolvendo dotarán aos Muíños de Folón e do Picón dunha área de recepción de visitantes, da que agora carece. A intervención inclúe a creación dunha área de chegada, dunha zona de aparcadoiro para turismos e autobuses e dun punto limpo para que os visitantes deixen recollidos os residuos que xeren durante a súa visita.
Así mesmo, estase a realizar un pequeno volume que acollerá os aseos para uso dos visitantes e tamén se acondicionará unha zona para charlas ao aire libre e descanso. Desta maneira, ademais de visitar o conxunto mediante unha ruta circular, poderanse realizar actividades complementarias e relacionadas co ocio e co turismo neste espazo natural.
Durante a visita, a directora de Turismo de Galicia asegurou que esta mellora permitirá poñer en valor este conxunto patrimonial, declarado Ben de Interese Cultural, que constitúe un complexo histórico, etnográfico e industrial único en Europa. Ademais, segundo afirmou, potenciarase a oferta turística da comarca do Baixo Miño.
Así mesmo, Nava Castro aproveitou a ocasión para enxalzar que Galicia conta cun “rico patrimonio construído así como importantes tradicións, elementos etnográficos e da vida social e tradicional polos que debemos apostar para non perder esta cultura propia que nos identifica como pobo”.