Nemesio Castro é memoria viva do Rosal. El, como din no concello, “é un pequeno gran home”. O veciño forma parte do legado do municipio, xa que é o dono dos últimos muíños activos do Folón e do Picón. O Concello uniu forzas con el, o seu fillo Lorenzo e o artista José Luís Rodríguez para renovar un dos muíños de Nemesio, o Muíño da Ferra, e recuperar así, o legado dunhas edificacións que definen a identidade e historia do Rosal.
“Queremos manter viva a nosa tradición e facer que as novas xeracións aprendan a forma de vida dos rosaleiros e rosaleiras de antes”, destaca a alcaldesa, Ánxela Fernández. Para a renovación do muíño o Concello correu cos custos, mentres que Nemesio, Lorenzo e José Luís traballaron man a man para crear as pezas da maneira tradicional e facer que o muíño xire como nos vellos tempos.
Instalaron unha nova xateira, unha das pezas máis importantes da maquinaria dun muíño, pois é a que o pon en funcionamento. Vai adaptada no que se chama cubo, e alí reten a auga facendo que colla a presión necesaria para propulsala ata o reducio, peza que pon en marcha a pedra para trillar o millo.
Tamén se instalou un pexadoiro, peza feita de casqueiro verde e que ten a función de cortar a auga para que o muíño deixe de funcionar, e unha moega, lugar onde se alberga o millo durante o proceso do produto final.
A alcaldesa pon en valor “o gran traballo de Nemesio para preservar o noso legado”, ao tempo que destaca a importancia do labor de Lorenzo e José Luís para axudalo. “O interese de persoas novas como eles é moi importante para que o noso pasado tamén sexa presente e futuro”, conclúe Ánxela Fernández.
A rexedora tamén quere lembrar que as persoas interesadas en coñecer a historia de Nemesio Castro poden facelo a través da web que o Concello lle dedica á memoria viva da veciñanza.