A Deputación de Pontevedra vén de rematar no concello do Rosal os traballos de mellora da mobilidade peonil na EP-3302 Tabagón-O Rosal-Portocelo entre os puntos quilométricos 1+365 e o 1+940. Así, con esta obra, que contou cun orzamento de 178.743,39 euros, o ente provincial reafirma o seu compromiso de mellora do conxunto da rede de estradas provinciais dentro do seu obxectivo de garantir a accesibilidade e a seguridade viaria.
En concreto, a través desta actuación executouse unha senda peonil en formigón coloreado que conta cun trazado paralelo á vía pola súa marxe esquerda. Este camiño, que discorre dende o núcleo de Valdemiñotos en dirección sur-este ata o punto anterior ao paso elevado que dá acceso ao núcleo de San Miguel de Tabagón, cruza superiormente a GC-4.2. Deste modo, establécese un itinerario peonil segregado do tráfico rodado, aportando alternativas de mobilidade máis seguras para a veciñanza do municipio.
Ademais, entre as accións que se realizaron na EP-3302 atópanse unha mellora da drenaxe lonxitudinal mediante cunetas de formigón e zona entubada, cuxa finalidade é recoller as augas procedentes do exterior da vía, e a instalación previa dun futuro alumeado público feita con dobre tubaxe enterrada de PVC corrugado.