O Concello do Rosal e a Consellería de Sanidade veñen de promover un cribado masivo voluntario a través de probas PCR á cidadanía da vila debido á alta incidencia acumulada da Covid-19 rexistrada nos últimos días. Deste xeito, intentarase identificar a positivos asintomáticos dos que non se teña constancia e reducir a propagación do virus. Así, desde este mesmo mércores xa está habilitada a páxina covid.orosal.gal, na que as persoas interesadas en colaborar poden inscribirse enchendo un sinxelo formulario. A inscrición tamén estará accesible dende a web do Concello.
Unha vez recollidos os datos das persoas voluntarias serán trasladados ao Sergas, que a partir de principios da vindeira semana contactará con cada un dos inscritos para dar cita para a proba PCR, un frotis naso-farínxeo totalmente indoloro que permitirá tomar medidas que axuden a frear a transmisión. As probas realizaranse en Vigo, nun centro que se comunicará a cada persoa no momento de dar a cita.
“Trátase dunha oportunidade de facer unha proba PCR de balde e estar seguros e seguras de se se está infectado ou non de coronavirus”, indica o Concello. “Animamos a todos os rosaleiros e rosaleiras a participar, sobre todo a aqueles que poidan ter máis risco. A colaboración de todos e todas é fundamental para reducir o nivel de contaxio que temos nestes intres”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández, que fai tamén un chamamento á responsabilidade e á prudencia de toda a veciñanza.
A Xunta vén de decretar, como norma xeral, o nivel medio-alto de restricións en toda a comunidade autónoma e o nivel extremo en diferentes municipios da rexión. Así, toda a hostalaría pechará a partir das 18.00 horas e os comercios ás 21.30 horas. Ademais, a partir deste venres 15 de xaneiro adiantarase o toque de queda ás 22.00 horas e os concellos incluídos no nivel extremo quedarán confinados perimetralmente.