A Consellería de Sanidade decidiu este venres, durante a xuntanza semanal do subcomité clínico de expertos sanitarios, poñer fin ás restricións implantadas hai sete días nas vilas da Guarda e do Rosal. A evolución do número de casos activos de Covid-19 foi positiva e, por iso, as limitacións impostas deixarán de estar vixentes na madrugada do venres 18 ao sábado 19 de setembro. Deste xeito, a área sanitaria de Vigo queda libre de medidas especiais por mor da pandemia.
A última comunicación da situación epidemiolóxica na Guarda, realizada na tarde do xoves 17 de setembro, elevaba a 22 o número de casos activos, 8 menos que hai unha semana. Así mesmo Sanidade comunicaba que hai 53 casos aos que se lle está facendo estreito seguimento.
Pola súa banda, O Rosal conseguiu baixar ata 15 os casos activos e ata 25 as persoas en corentena. As autoridades sanitarias aseguran que todos os contaxios e brotes están perfectamente controlados e a situación é estable.
A Guarda seguirá mantendo para este sábado a medida de prevención de non celebrar o mercado na rúa, salvo cos postos de alimentación e flores. No caso de proseguir a evolución epidemiolóxica desta semana, o próximo sábado día 26, celebrarase de novo o mercado completo, tendo sempre en conta as medidas de prevención recomendadas.
O municipio acolle a vindeira semana as celebracións do Día de Santa Trega -festividade local o 23 de setembro-, que neste ano tan atípico e ante as medidas de prevención motivadas pola pandemia da Covid-19, terán que realizarse dun xeito distinto.
As misas, que tradicionalmente se celebran na ermida no Monte de Santa Trega, celebraranse na Igrexa Parroquial e con limitacións de aforo tal e como ditan as normas sanitarias vixentes, non se realizarán as poxas de produtos típicos nin a procesión.
A Ermida de Santa Trega estará aberta ao público nesta xornada para todos os fieis e devotos que desexen facer as súas ofrendas, sempre respectando as distancias de seguridade, o uso obrigatorio de máscaras de protección e hidroxel.